Mentres Galicia conta as horas para o histórico eclipse solar total, a Praia de Riazor xa experimentou onte o seu propio fenómeno astronómico. Unha valorosa combinación de música galega, rock alternativo inglés e cumbia caribeña ateigou o areal para despedir os concertos dunha histórica XXXIX edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que mañá concluirá cos derradeiros espectáculos de artes escénicas e sesións de picadiscos, e que xa conta as horas para o seu corenta aniversario.
A xornada comezou co puro rock en galego de Zënzar. Desde que naceron no municipio coruñés de Cerceda en 1987 manteñen un son potente caracterizado polo ‘guitarreo’ fiel que se desfrutou desde Tempos Novos e Johnny ata as pegadizas Arrastrado ou Parabéns. Tras un alegato en defensa das “linguas amigas” e acompañados polas mans en alto dos espectadores que chegaban á area, puxeron o broche de ouro con Tiven un bar. Longa vida ao rock.
María Xosé Silvar, Sés, converteu o escenario nunha cálida festa coa cativadora melodía multiinstrumental a base de guitarra, caixón, harmónica, acordeón, tambores, batería e a fermosa voz da cantautora coruñesa. Non faltaron as reivindicacións, insignia das súas letras impregnadas dun claro compromiso social. “As mulleres tamén podemos estar no escenario vestidas”, foi so unha das múltiples proclamas moi aplaudidas polos espectadores.
As pandeireteiras Bouba subiron ao escenario para acompañar a Sés en varios temas como Non son fada, mentres que o timplista Hirahi Afonso puxo o acento canario na segunda parte do recital. Tito Calviño, o guitarrista principal durante moitos anos da artista da Coruña, formou parte deste bolo tan especial e merecido no areal, que vibrou con Milonga, Porco blues ou Tempestades de sal, antes do peche coral de Canto aquí.
O Noroeste Estrella Galicia apelou as súas raíces co lexendario grupo británico Echo & The Bunnymen, que aterrou na Coruña na súa xira recompilatoria dos seus temas máis icónicos desde que se fundaron en 1978. Cunha marcada influencia en agrupacións referentes como Coldplay o The Killers, o pop rock estalou desde o inicio do recital con Going up, All that jazz ou Crocodiles.
A emblemática The Killing Moon era a máis agardada por un público coruñés entregado a compás dos ‘80 e ‘90, cun ritmo que continuou con Lips like sugar ou Ocean rain. Todo un agasallo dunha banda eterna que marcou xeracións.
A brisa do Atlántico mesturouse coa calor do Caribe convertendo a praia nunha auténtica pista de baile. O areal coruñés, afeito ao son das ondas, vibrou cunha forza diferente: a da cumbia psicodélica e a enerxía inesgotable de Bomba Estéreo.
Cando os primeiros ritmos electrónicos comezaron a resoar, o público xa estaba entregado. A aparición de Li Saumet no escenario, co seu inconfundible carisma e un vestiario brillante, prendeu a mecha.
En Somos dos, a cantante baixou á area. En Alegría foi á inversa e convidou a un afortunado espectador a bailar con ela no escenario. To my love foi un dos primeiros grandes éxitos do grupo coreados por festival rendido á paixón descarada do grupo.
Non era San Xoán pero Fuego incendiou unha praia e as chamas xa non decaerían cun Riazor desatado con Soy yo e Ojitos lindos. A mestura dos sons tradicionais colombianos coa música electrónica máis vangardista resultou a fórmula perfecta para un fin de festa espectacular.
Lingua de signos e Mercado de Discos do Noroeste
Os tres últimos concertos da praia de Riazor contaron coa interpretación en lingua de signos, unha das novas medidas de inclusión e accesibilidade postas en marcha nesta edición do festival. Da paixón dos artistas impregnáronse as intérpretes, que mesmo en ocasións en parella transmitiron cada acorde dos concertos.
Por outra banda, o Mercado de Discos do Noroeste celebrou onte a súa quinta edición, reunindo máis de 20.000 exemplares entre CD’s, LP’s, singles e maxi singles de todo tipo de xéneros e épocas. Desde pola mañá, centos de persoas achegáronse polo Hotel Hesperia da Coruña, para descubrir a escolma impulsada pola Asociación Musical Nonito Pereira.
Foron moitos os melómanos e coleccionistas os que rebuscaron con devoción entre as obras dispostas, pero tamén foron moitos os interesados nun Mercado xa consolidado na cidade da man do Festival Noroeste Estrella Galicia e o Concello da Coruña.
Noroestiño, ‘Re Versións’ e Mercado da Colleita
O Mercado da Colleita recibiu visitantes durante toda a xornada no Portiño, en torno aos DJ e da programación familiar de actividades e obradoiros para poñer en valor o eido rural co garante da sostibilidade. Sofi Peries e Saya DJ ofreceron as súas sesións, de tres horas cada unha, animando un espazo nun enclave único.
É unha iniciativa de impacto positivo impulsada por Corporación Hijos de Rivera, coa meta de cooperar de xeito activo na transformación do rural nun medio máis próspero e sostible. Ao longo de máis de 10 anos, o proxecto promoveu exemplos reais de artesáns e produtores rurais que, mediante modelos de xestión e negocio innovadores, mostran que esta visión de futuro non só é necesaria, senón tamén viable e diferencial.
A proposta do Mercado da Colleita artéllase a través de accións de investigación, concienciación e divulgación, coas propias iniciativas rurais como protagonistas e inspiración para o cambio que a nosa contorna precisa.
O espazo conta coa participación de proxectos referentes no seu ámbito como Airas Moniz, Calabizo, Cortes de Muar, MAremonte, Galo Celta, A Castrexa, Lenatt, Mariñeiras Daveiga, Sacrapastas e Horta da Lousa. Todas estas iniciativas están presentes con actividades como degustacións, talleres e presentacións, que permitirán ao público coñecer de cercado os seus produtos, valores e xeitos de traballar.
No Mercado da Colleita colabora tamén We Sustainability, que ofrecerá propostas creativas e manualidades con materiais reutilizados, enmarcados nos seus programas de conciencia-acción ambiental, pensadas especialmente para público familiar.
Pola súa banda, o Noroestiño continuou nos emblemáticos Xardíns de Méndez Núñez cunha doble sesión repleta de familias. Pola mañá, en ‘Bibopalula: o concerto’ a Banda do Bosque ofreceu os temas máis escoitados da primeira serie musical de debuxos en galego acompañados dunha banda en directo e a voz de Isabel Garrido, a quen acompañaron Robin, Carpin, Pegui e Merli. Pola tarde, a música multiinstrumentista Lydia Botana fixo as delicias dos pequenos co seu espírito aventureiro, compartindo unha música que compón e canta en varias linguas.
Asemade, concluíu a exposición ‘Re Versións’, que permitiu na Casa Museo Casares Quiroga a reinterpretación da memoria musical da cidade a través da arte contemporánea co Festival Noroeste Estrella Galicia como punto de partida.
O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.