A enerxía coruñesa de Crowded e Bala, o garage punk de Sprints e o eclecticismo de Rusowsky enchen a estrea da praia no XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia

O XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia continúa coa súa programación facendo parada na emblemática praia de Riazor, sen dúbida o escenario máis agardado polo público en todas as edicións. Coincidindo coas últimas horas de sol, a fotografía dun areal repleto de bañistas mudouse por espectadores entusiasmados con cada tema dunha escolma multixénero que caracteriza ao festival.

A marcada aposta polos artistas locais chegou tamén a Riazor nos dous primeiros recitais. O metal alternativo da banda coruñesa Crowded, unha das gañadoras do XXVII Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria CUAC FM, abriu a xornada co descaro propio da xuventude dos seus compoñentes. A contundencia da súa proposta quedou clara desde o inicio con No Wonder e Louder manténdose ata o final con Loved & Scarred, cunha enerxía contaxiada a un público devoto que correspondeu con pogos e saltos aos que convidou un directo arroiador dunha banda prometedora.

O abaneo constante das cabezas confirmou que a enerxía ficou na area con Bala, o dúo de rock punk galego formado por Ánxela Baltar e Violeta Mosquera. A suma de guitarra, batería e voces caracterizou o recital que terminou por todo o alto con Agitar e Humo. Tiveron mención especial do dúo as intérpretes de lingua de signos, medida estreada nesta edición do Festival, que foron recoñecidas cunha gran ovación.

Non chovía na Coruña pero a tormenta de electrizante rock e garage punk chegou á praia da man de Sprints. En Heavy, Descartes e Feast xa trazaron as liñas mestras do show: Guitarras, batería e a voz impetuosa de Karla Chubb, quen chamou repetidamente o público a divertirse con eles no concerto, exercendo ademais de promotora dun gran pogo en Up and come.

O in crescendo final desatou a euforia coa atronadora Desire e pegadiza Little fix, na que a cantante se lanzou a un público entregado. Foi a súa primeira visita a Galicia, e oxalá a segunda veña pronto.

Aínda que o sábado xa asomara, en Riazor a noite de venres parecía acabar de comezar. O areal e o paseo ateigado agardaba con expectación a Rusowsky, figura destacada do panorama nacional cunha ecléctica performance de electrónica, pop latino e trap.

E non defradou. Ruslán Mediavilla apareceu sobre o escenario ataviado con chaqueta de chándal azul e a súa habitual perruca loira, ao igual que os seus músicos, neste caso escura, e baixo o desenfreo dos miles de asistentes. ConJohnny glamour e Altagama xa se desatou un fervor que non tivo freo en todo o show, co público extasiado bailando, saltando e coreando un repertorio maxistral asentado no magnetismo dun artista que sabe como atraer con ritmos multiinstrumentais e un indiscutible poder visual.

99 % ou Gata levantaron os brazos e voces. Mwah trouxo o momento íntimo da noite ao piano antes da traca final que con Malibú, Dolores e Valentino, con lanzamento de camisetas incluído, retumbaran na praia deixando ao festival con ganas de máis pero coa certeza de ter vivido un dos concertos que perduraran na historia do Noroeste Estrella Galicia na praia de Riazor.

 

Mercado de Discos do Noroeste

Hoxe abre a quinta edición do Mercado de Discos do Noroeste, que reúne máis de 20.000 exemplares entre CD’s, LP’s, singles e maxi singles para a delicia de coleccionistas e melómanos. Un punto de encontro musical que se celebra no Hotel Hesperia da Coruña.

 

Noroestiño, ‘Re Versións’ e Mercado da Colleita

Durante toda a fin de semana, con sesións electrónicas, e ata o 12 de agosto nun formato singular con programación familiar de actividades e obradoiros baseados na sostibilidade, inaugurouse un ano máis o Mercado da Colleita.

É unha iniciativa de impacto positivo impulsada por Corporación Hijos de Rivera, cuxo propósito é contribuír activamente á transformación do rural nun medio máis próspero e sostible. Ao longo de máis de dez anos, o proxecto promoveu exemplos reais de artesáns e produtores rurais que, mediante modelos de xestión e negocio innovadores, mostran que esta visión de futuro non só é necesaria, senón tamén viable e diferencial.

A proposta do Mercado da Colleita artéllase a través de accións de investigación, concienciación e divulgación, coas propias iniciativas rurais como protagonistas e inspiración para o cambio que a nosa contorna precisa.

Como en edicións anteriores, o Mercado da Colleita contará coa participación de proxectos que son referencia no seu ámbito: Airas Moniz, Calabizo, Cortes de Muar, MAremonte, Galo Celta, A Castrexa, Lenatt, Mariñeiras Daveiga, Sacrapastas e Horta da Lousa. Todas estas iniciativas están presentes con actividades como degustacións, talleres e presentacións, que permitirán ao público coñecer de cercado os seus produtos, valores e xeitos de traballar.

O espazo contará tamén coa presenza de We Sustainability, que ofrecerá propostas creativas e manualidades con materiais reutilizados, enmarcados nos seus programas de conciencia-acción ambiental, pensadas especialmente para público familiar.

Pola súa banda, o Noroestiño continuou nos emblemáticos Xardíns de Méndez Núñez co ‘Caderno de cores e cancións’ de Magín Blanco, un espectáculo participativo no que o acompañou Pablo Vidal, convidando ás crianzas a achegarse ao proceso creativo e a xogar cos elementos que compoñen as cancións.

Finalmente, a exposición ‘Re Versións’, que permite a reinterpretación da memoria musical da cidade a través da arte contemporánea tomando como punto de partida a historia do Festival Noroeste Estrella Galicia, continúa aberta. Poderá visitarse ata hoxe na Casa Museo Casares Quiroga en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.