O Festival Noroeste Estrella Galicia reforza o seu compromiso coa inclusión e a participación de todas as persoas mediante un amplo conxunto de medidas destinadas a garantir a accesibilidade nos seus espazos e actividades.
// WEB
Para facilitar o acceso á información, a web do festival contará cunha pestana específica e claramente visible de “Medidas de Accesibilidade”, con contidos en lectura fácil, iconografía accesible e unha canle directa de atención a consultas e solicitudes.
// LINGUA DE SIGNOS
Ademais, varios concertos disporán de interpretación en lingua de signos e servizo de mochilas vibratorias.
- María Pita 5 de agosto: DORIAN
- María Pita 6 de agosto: YERAI CORTÉS
- Praia de Riazor 7 de agosto: BALA, SPRINTS e RUSOWSKY
- Praia de Riazor 8 de agosto: SÉS, ECHO & THE BUNNYMEN e BOMBA ESTÉREO
// PUNTOS DE INFORMACIÓN
O festival habilitará tamén puntos de información e préstamo de material de apoio, incluíndo mochilas vibratorias, bucles magnéticos, tapóns e cascos aillantes do son.
Haberá dous puntos de información. O día 5 de agosto e o día 6 de agosto, coincidentes cos concertos de María Pita, situarase diante da igrexa de San Xurxo. Os días 7 e 8, coincidindo cos concertos de Riazor, estarán xunto á caseta de socorrismo. Son puntos de préstamo de materiais que SÓ ESTARÁN DISPOÑÍBLES O MESMO DÍA DO CONCERTO.
Materiais dispoñibles no punto de información:
- Mochilas vibratorias + bucle individual.
- Bucle magnético para o punto de información.
- Tapóns para os oídos.
- Cascos aillantes do son.
// ESCENARIOS
Nos distintos escenarios habilitaranse medidas de accesibilidade como zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR), información sobre prazas de aparcamento accesibles próximas, baños adaptados e mapas específicos que faciliten a orientación e o uso autónomo dos espazos. Con todo isto, o Festival Noroeste Estrella Galicia avanza no seu obxectivo de ofrecer unha experiencia cultural aberta, cómoda e accesible para toda a cidadanía.
Se queres podes usar esta app para localizar aparcadorios PMR
// CONTACTO
Para poder atender as peticións das persoas que precisen algunha destas medidas habilitouse un botón de contacto directo que envía un mail ao noso grupo de organización. Por favor, no mail especifica:
- O teu nome.
- O concerto ou concertos aos que queres asistir.
- As medidas de accesibilidade que precisas.
As solicitudes atenderanse por orde de chegada, e segundo materiais dispoñibles.