O Mercado da Colleita continuará a súa actividade ata o vindeiro día 12 de agosto, xornada na que se poderá desfrutar da eclipse no Portiño

O Mercado da Colleita continuará activo ata o vindeiro 12 de agosto para seguir sendo un punto de encontro dalgunhas das iniciativas que están a transformar o rural galego nunha contorna máis próspera, innovadora e sostible. Unha programación pensada para todos os públicos que combina divulgación, experiencias gastronómicas, creatividade e música.

O Portiño converterase nun enclave único para gozar da observación da eclipse do vindeiro mércores. A actividade deterase totalmente a partir das 20:00 horas para que o verdadeiro protagonista sexa este fenómeno astronómico.

“O público valora moi positivamente a programación do Mercado da Colleita, pero especialmente o contacto directo cos produtores do noso rural”, sinalaba Marcos Pérez, responsable do Mercado da Colleita, iniciativa de impacto positivo impulsada pola Corporación Hijos de Rivera.

Airas Moniz, Calabizo, Cortes de Muar, MAremonte, Galo Celta, A Castrexa, Lenatt, Mariñeiras Daveiga, Sacrapastas eHorta da Lousa son as iniciativas que están presentes con degustacións, obradoiros e presentacións.

O espazo tamén conta coa presenza de We Sustainability, que ofrecerá actividades creativas e manualidades con materiais reutilizados, enmarcados nos seus programas de conciencia-acción ambiental, pensadas especialmente para público familiar. Un punto moi especial é o mural no que as crianzas poden estampar as súas creatividades.

“O balance que facemos non pode ser mellor, durante a fin de semana pasaron por aquí moitísimas familias que están encantadas de atopar nas nosas actividades un complemento perfecto á proposta musical do festival”, valoraba Marcos Pérez.

Sobre o Mercado da Colleita

O Mercado da Colleita é unha iniciativa de impacto positivo impulsada por Hijos de Rivera, cuxo propósito é contribuír activamente á transformación do rural nun medio máis próspero e sostible. Ao longo de máis de dez anos, o proxecto promoveu exemplos reais de artesáns e produtores rurais que, mediante modelos de xestión e negocio innovadores, amosan que esta visión de futuro non só é necesaria, senón tamén viable e diferencial.

A proposta do Mercado da Colleita artéllase a través de accións de investigación, concienciación e divulgación, coas propias iniciativas rurais como protagonistas e inispiración para o cambio que a nosa contorna precisa.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.