Os Xardíns de Méndez Núñez acollerán a programación para público familiar do Noroestiño do 5 ao 9 de agosto

A programación do XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia traspasa as fronteiras musicais un ano máis coas artes escénicas, comprendidas dentro da programación para público familiar do Noroestiño, que acollerá os Xardíns de Méndez Núñez do 5 ao 9 de agosto.

Esta iniciativa, que xordeu hai dous anos e que conta co apoio da Xunta de Galicia, reforza a dimensión urbana deste evento e ten un obxectivo claro: transmitirlle ás novas xeracións a experiencia e valores da música en directo, nun proxecto que contribúe a ampliar cualitativamente o festival, favorecendo a creación de novos públicos e fortalecendo o vínculo entre a cidadanía máis nova e un dos acontecementos culturais máis emblemáticos da Coruña.

Así, durante cinco días, os Xardíns de Méndez Núñez converteranse nun punto de encontro arredor da música en directo e as artes escénicas cunha programación diversa e adaptada ás nenas e aos nenos. Os espectáculos do mércores, xoves e venres serán ás 18:00 horas da tarde, namentres que o sábado haberá dobre sesión, tanto ás 12:00 como ás 18:00 horas, e o domingo será matinal, ás 12:00 horas.

NOROESTIÑO 2026

Pablo Díaz abrirá a programación o mércores 5 de agosto ás 18:00 horas cunha viaxe a través dos contos coa música de frautas, guitarra e harmónica como fío condutor. Unha sesión relaxada onde a fantasía e a ilusión serán as grandes protagonistas, e na que grandes e miúdos axudarán a cantar e entoar as melodías e retrousos dos contos e cancións.

Para o xoves 6 de agosto, tamén ás 18:00 horas, haberá unha sesión de picadiscos infantil con María Faltri. Pensada como unha gran festa participativa, converterá Méndez Núñez nunha pista de baile co público como verdadeiro protagonista. Música galega de onte e de hoxe, xogos rítmicos, instrumentos, disfraces e dinámicas de grupo crean un espazo de celebración, movemento e diversión compartida.

Magín Blanco chegará o venres 7 de agosto, ás 18:00 horas, cun espectáculo participativo na compañía do músico Pablo Vidal, que convida ás crianzas a achegarse ao proceso creativo e a xogar cos elementos que compoñen as cancións. As melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas farán desfrutar a pequenos e maiores. Leva por título “Caderno de cores e cancións”.

O sábado 8 de agosto ás 12:00 horas chega Bibopalula: o concerto. Despois de percorrer os teatros de toda Galicia, a Banda do Bosque proponse ofrecer grandes concertos este verán. Os temas máis escoitados da primeira serie musical de debuxos en galego chegan aos escenarios acompañados dunha banda en directo e a voz de Isabel Garrido, a quen acompañan Robin, Carpin, Pegui e Merli.

Pola tarde do sábado 8 de agosto, ás 18:00 horas, a música multiinstrumentista Lydia Botana fará as delicidas das persoas asistentes co seu espírito aventureiro, compartindo a música que compón e cantando en varias linguas. Viaxeira como ningunha outra, mesturou e aprendeu diferentes culturas que transmite nos seus espectáculos infantís.

Pechará a programación deste Noroestiño o domingo 9 de agosto ás 12:00 horas Mamá Cabra con Ondamini, que fará un casting musical entre o público miúdo. Buscará músicos e músicas con enerxía de cabra, ritmo de cabra e moitas, moitas ganas de facer a cabra. Cancións para moverse, para bailar e para cantar. Un repertorio interactivo que busca a participación e o xogo con música. Cantos para non deixar nunca de ser nenas e nenos.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.