A XXXIX edición do Festival Noroeste Estrella Galicia despídese cunha asistencia de 125.000 persoas durante 5 días de música en directo

O Festival Noroeste Estrella Galicia despide a súa XXXIX edición cunha asistencia de 125.000 persoas durante 5 días de música en directo e máis de 40 recitais espallados por 7 escenarios da cidade, congregando ao público chegado de todas partes do país.

Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, sinala a “clara aposta pola diversidade nesta trixésmo novena edición, non só polos múltiples estilos ofrecidos nos distintos escenarios; tamén por universalizar aínda máis se cabe a música grazas a, entre outras medidas, os concertos con lingua de signos. Neste sentido quero parabenizar a todo o equipo de intérpretes, que fixo un traballo impecable e despregou unha enerxía absolutamente marabillosa”.

O edil quixo ademais poñer en valor “as propostas que se fan neste país, en galego, e que sen dúbida teñen moito que dicir nunha programación que conseguiu sorprender ao público con propostas que aportan grande calidade artística, saíndose dos circuitos comerciais. Ese é o espírito deste evento. Despedimos o Festival Noroeste Estrella Galicia moi satisfeitos e xa agardando a corenta edición.”

Ademais dos concertos da praia de Riazor, con especial mención os de Rusowsky, Echo & The Bunnymen e Bomba Estéreo, con 45.000 voces en cada un deles, presentaron unha gran afluencia de público Dorian e Yerai Cortés en María Pita, con 8.000 persoas en cada un; Fantastic Negrito e La Perra Blanco en Azcárraga, cun cheo total do espazo e máis de 1.000 persoas respectivamente; ou Mari Froes en Santa Margarida, reunindo a máis de 2.500 persoas.

Recitais estilos tan diversos como o rock, música africana, pop, electrónica, folk, jazz, rythm&blues, post-punk ou flamenco e o galego en máis da metade das bandas desta trixésimo novena edición fixeron da Coruña unha cidade plural, cultural, diversa e inclusiva.

Unha das medidas que máis positivamente valoran as persoas usuarias foi precisamente a novidade dos concertos con lingua de signos, dispoñibles con intérpretes en Yerai Cortés, Dorian, Bala, Sés, Sprints, Echo & The Bunnymen, Bomba Estéreo e Rusowsky.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.