Unha das novidades que trae consigo a trixésimo novena edición do Festival Noroeste Estrella Galicia é o escenario do Castelo de Santo Antón, que ademais de ser accesible nesta ocasión, non será preciso retirar convites para os concertos.
Instalarase no pé deste espazo, na vía anexa ao mesmo e permitirá o acceso a persoas con problemas de mobilidade. Incrementarase o aforo para que o púbico poida desfrutar de Anna Andreu o mércores 5 de agosto e Ana Lua Caiano ao día seguinte, o xoves 6 de agosto.

Ambos os dous recitais celebraranse ás 21:00 horas, coincidindo así o seu desenvolvemento co solpor e facendo posible gozar dunha postal única na cidade da Coruña.
Anna Andreu, programado para o 5 de agosto, ten como principal virtude acadar unha sinxeleza sólida, na forma e no formato, erixíndose en pouco tempo como unha das voces imprescindibles da canción en catalán e mediterránea actual. Mediante fábulas, poesía e un imaxinario costumista de sensibilidade finísima, converte o atómico e delicado en rotundo e solemne.
Coa súa inseparable batería e parella, Marina Arrufat, publicaron a principios de 2025 as cancións de Vigilia. Trátase dun cancioneiro que explora os conceptos da tensión nocturna, a agarda latexante previa a un acontecemento importante, os pensamentos previos ao sono e unha escuridade paradoxicamente radiante que permite entendelo todo con preclaridade.
Ana Lua Caiano, previsto para o 6 de agosto, une tradición e modernidade. A artista explora a fusión musical combinando a tradición portuguesa coa electrónica, con sons do pasado unidos aos sintetizadores, baterías e gravacións de campo. A súa música camiña do patrimonio tradicional portugués ao mundo moderno.
O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.