Quedou inaugurado o XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia cun marcado carácter multicultural e coa estrea das novas medidas que a converten na edición máis inclusiva da súa historia. O público acompañou no mediodía, tarde e noite en todas as actuacións que fixeron da Coruña un escenario incomparable para gozar da música.
A praza de Azcárraga, o Campo da Leña, o Castelo de Santo Antón, o parque de Santa Margarida e a praza de María Pita acolleron os concertos da primeira xornada. Os ritmos de xéneros como o rock, o jazz, R&B, pop ‘ermitaño’, folclore, electrónica e música galega soaron na cidade ofrecendo un programa heteroxéneo que fai do Festival Noroeste Estrella Galicia unha cita única no contexto musical local, nacional e europeo.
A voz poderosa de Law, viguesa afincada na Coruña, abriu o festival na praza de Azcárraga cun recital que combinou temas repletos de enerxía onde o público non parou de moverse con momentos intimistas nos que no faltaron proclamas contra o racismo, a xenofobia ou a homofobia, que se sucederían ao longo do día. A xornada continuou no serán neste escenario co jazz de David Regueiro ft. Pablo Castaño, que contou cunha praza moi animada transformada, en parte, en pista de baile.
Xa de noite, Pamela Rodríguez chegou co seu o pop eléctrico a base de guitarras que lembraron aos ‘90 nun recital moi emocional para a artista peruana, que confesou “sentir que canta na casa” tras catro anos residindo na Coruña. Contou coa colaboración especial de Ánxela, de Bala, e na que se escoitou unha fermosa versión de El pensamiento circular, de Iván Ferreiro. A traca final en Azcárraga veu da man do estadounidense Fantastic Negrito, tres veces gañador do prestixioso Grammy, que ante un público entusiasmado amosou o seu rock and roll máis intenso logrando a comuñón coa Coruña desde que soaron os compases de A boy named Andrew.
O Campo da Leña vibrou tamén desde o aperitivo coa actuación da mítica banda local Colorado, que non defraudou co seu rock puro e o seu blues, celebrando 40 anos sobre o escenario. Logo chegaron os tamén coruñeses Greasy Belly a ritmo de rock, blues e country, sumando a gran voz de Inés Naya en temas como Walls ou Let it pass.
Agoraphobia, banda nacida a poucos quilómetros da cidade herculina, en Boiro, conmemorou o seu décimo aniversario cunha mostra do seu potente indie rock que confirmou o seu protagonismo no panorama galego tras presentar o seu terceiro traballo de estudio. O frenético ritmo dos americanos de Frankie and the Witch Fingers trouxo de madrugada a súa vertente máis punk do Noroeste Estrella Galicia cun recital memorable no que soaron os seus grandes temas como Empire, que abriu o concerto, Futurephobic ou Bonehead.
O parque de Santa Margarida viviu un momento único con Freestyle People & Gallos del Norte, con batallas épicas contra rapeiros da escena galega e nacional do hip hop, e da Orquesta Invisible, unha proposta na que a poesía se entrelazou coa percusión, voz, guitarra e controladores midi nunha viaxe onírica. Conformados por persoas con diversidade funcional e outras realidades non normativas que, grazas á musica, superan calquera crenza limitante.
Máis tarde a artista galega con raíces arxentinas Catuxa Salom creou unha atmosfera particular coa a súa orixinal fusión de ritmos indíxenas da Arxentina co folclore de Galicia e a electrónica moderna. En Hórreo, a artista compartiu cos presentes o seu caldo, un símbolo da rede de coidados que se establece entre quen vive no rural. Finalmente soaron en Santa Margarida os ritmos sudafricanos de Bongeziwe Mabandla, que sorprendeu cun folk tradicional electrónico e urbano interpretado na lingua xhosa.
O Castelo de Santo Antón foi a fermosa paisaxe para o recital de Anna Andreu, que deleitou a un público con música intimista acadando gran ambiente mentres o sol se deitaba. Pura sensibilidade nun enclave único.
A praza de María Pita viviu con electricidade os ritmos de Ángel Stanich, o ‘ermitaño’ dun pop psicodélico que se gañou ao festival con referencias locais en Galicia Calidade e unha enerxía inesgotable que terminou co artista pechando o recital entre o público con Mátame camión.
Dorian, que lembrou o seus inicios na cidade, na sala Mardi Gras hai 19 anos, estreou o formato con interpretación en lingua de signos, así como o punto de información e préstamo de mochilas vibratorias, bucles magnéticos, tapóns para os oídos e cascos illantes do son. O pop eléctrico fixo vibrar a praza, que totalmente entregada coreou xa himnos como A cualquier otra parte.
Familia Caamagno pechou a noite en María Pita co seu rock proletario, acompañados da Orquestra do Quince, coa que gravou o seu último traballo, ‘Disco Comarcal’.
Artes escénicas e ‘Re Versións’
Novamente, as artes escénicas forman parte da programación do XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia co Noroestiño, que hoxe tivo na representación de Pablo Díaz a súa primeira sesión. Os Xardíns de Méndez Núñez ateigáronse dun público infantil moi animado cun espectáculo musical non que tamén tiveron a ocasión de participar.
Mentres, na Casa Museo Casares Quiroga continúa aberta a mostra ‘Re Versións’, unha iniciativa que convida a reinterpretar a memoria musical coruñesa a través da arte contemporánea tomando como punto de partida a historia do Festival Noroeste Estrella Galicia. Poderá visitarse ata o 8 de agosto en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.
O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.