O XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia viviu unha segunda xornada repleta de público en todos os escenarios. O cartel combinou a efervescencia de artistas locais e galegos coa referencia de grandes figuras do panorama nacional e internacional.
O xoves arrincou co empurre da xuventude. Apolo 18, unha formación na que os seus integrantes teñen entre 18 e 20 anos, demostrou que hai canteira na música galega, tal e como comprobou o ronsel xeracional que se deu cita ao mediodía na praza de Azcárraga coa música como nexo de unión inquebrantable. A tarde comezou co vibrante rock and roll dos londinenses MFC Chicken, que atraeu ao público cando seguía quentando o sol cos ritmos a base de guitarra, saxofón, baixo e batería e que pecharon con Chicken baby.
Posteriormente chegou a apoteose do rockabilly con La Perra Blanco, a principal figura do xénero a nivel estatal. Baixo o liderado da gaditana Alba Blanco, a praza deixouse levar coa enerxía virtuosa dun recital memorable desde o inicio con Raining love ata éxitos indiscutibles como Why dont you love me, con baixada ao público incluída, Barracuda ou Supersonic lover. A banda herculina Moura pechou as actuacións desta edición en Azcárraga, rememorando o bolo que hai 10 anos ofreceran no festival, aínda que noutra formación, e ofrecendo a súa particular mestura de tradición galega e folk psicodélico na que combinaron instrumentos actuais con elementos cotiás.
A quenda do Campo da Leña comezou cos rockeiros coruñeses de Mar de fondo, que tamén volveron ao festival, contando ademais coa colaboración de Susana Seivane en Percebeiro, e deixaron a súa marcada pegada social con palabras sentidas en condena da lacra da violencia machista. MEU tomou o relevo con So happy abrindo un recital repleto de rock que concluíron con Overview e cun animado público.
Máis tarde, a banda galega de metal Tsunami Arise seguiu elevando a forza sonora do Campo da Leña. No recital presentaron o seu novo traballo discográfico, Mundocadaver, tras vencer no concurso de bandas da emisora comunitaria coruñesa CUAC FM, e sorprenderon no recital repartindo púas entre os asistentes. Os santiagueses de Ruxe Ruxe, con 30 anos de traxectoria, mesturaron rock e punk mantendo o clímax do escenario máis vigoroso do festival con títulos como Tabernada, Bastardos ou Rock do País.
O parque de Santa Margarida arrincou a xornada coa Banda DiversidArte acompañados de Silvia Penide e La Sophie Simonds Band, reivindicando o poder inclusivo da música, un sinal de identidade deste Festival Noroeste Estrella Galicia. “Que me perdoen o resto de bandas, pero DiversidArte é mellor”, proclamou unha emocionada Penide. A cantante e produtora franco-galega Camille Hédouin, coñecida como Mounqup, trouxo despois a súa electrónica rural engadindo instrumentos como ferro en Advento ou pedras en Caos graníticos.
A sonoridade de Xosé Lois Romero e Aliboria chegou a continuación asombrando co seu exercicio pioneiro de música tradicional galega a base de voces femininas e ferramentas musicais reiventadas en temas como O leló, María María ou A Muiñeira de Ons. A banda adicou preciosas verbas para os nenos e nenas que manteñen viva a tradición de entender o que é facer música con cacharros.
Espectacular a brasileira Mari Froes, que visitaba por primeira vez A Coruña, no fin de festa de Santa Margarida cun concerto cun contaxioso ritmo cativador. Agradeceu “desde o coraçao” a calor do público, no que se viron bandeiras ‘canarinhas’, pechando con Figa e o seu icónico Vatimbora, que levou a éxtase ao parque.
Ana Lua Caiano, unha das artistas máis innovadoras da escena lusa, fixo soñar e viaxar ao festival no Castelo de Santo Antón. O público entregouse e acompañou a cantante coreando algúns dos seus fermosos temas en portugués.
A praza de María Pita foise enchendo co indie pop-rock pegadizo do grupo madrileño Vicente Calderón, con títulos como Cada mañana, 3.000 km ou Dientes rotos, cos que se presentan como nome emerxente da escena nacional. O flamenco contemporáneo de Yerai Cortés impregnou de maxia tenue á praza nun espectáculo que maridou a súa mestría á guitarra co brío das cantaoras e bailoras e coas letras emotivas que evocan as súas raíces nunha impecable posta en escena.
Non faltaron as colaboracións de La Tana & El Remache ou Antón Álvarez nun recital único no que soaron grandes temas como Roto x ti, Sonar por bulerías ou Por tu silencio lloro. A mesma paixón que o artista se puido ver na interpretación do concerto en lingua de signos, unha medida estreada na edición máis inclusiva do festival.a
Noroestiño e exposición ‘Re Versións’
O Noroestiño volveu aos Xardíns de Méndez Núñez cun picadiscos infantil a cargo de María Faltri.
A exposición ‘Re Versións’, que permite a reinterpretación da memoria musical da cidade a través da arte contemporánea tomando como punto de partida a historia do Festival Noroeste Estrella Galicia, continía aberta ata o 8 de agosto. Poderá visitarse na Casa Museo Casares Quiroga en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.
O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.