O Festival Noroeste Estrella Galicia sumará un amplo dispositivo de medidas para favorecer a inclusión nos concertos

A trixésimo novena edición do Festival Noroeste Estrella Galicia continúa camiñando cara unha experiencia cultural mais aberta, confortable e accesible para toda a cidadanía. Así, desde a organización do evento implementarase un amplo dispositivo de medidas para incrementar a inclusión e a accesibilidade nos seus espazos. Así o anunciou esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa. Ao acto de presentación destas novas medidas tamén asistiron representantes de entidades da cidade que traballan con persoas con diversidade funcional.

“O Festival Noroeste é o mellor festival urbano e gratuíto do Estado e un dos máis importantes de Europa, pero para ser verdadeiramente aberto non abonda con que non haxa barreiras económicas, tamén hai que eliminar as barreiras físicas, sensoriais e comunicativas que poden impedir que moitas persoas desfruten plenamente da música e da cultura”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

A principal novidade desta edición será que os concertos da praia de Riazor protagonizados por Bomba Estéreo, Rusowsky, Echo & The Bunnymen, Sprints, Bala e Sés, e os de Dorian e Yerai Cortés, ambos na praza de María Pita, contarán con interpretación en lingua de signos, así como un punto de información e préstamo no que haberá mochilas vibratorias, bucles magnéticos, tapóns para os pídos e cascos illantes do son. Estarán habilitados os días 5 e 6 de agosto na praza de María Pita, a carón da igrexa de San Jorge, e os días 7 e 8 de agosto na praia de Riazor, no posto de socorrismo, desde 90 minutos antes do comezo de cada concerto. Para solicitar este material será necesario enviar a petición ao enderezo secretaria@fundacionemalcsa.org.

Concertos Lingua Signos-Noroeste-2026

Ademais, para facilitar o acceso á información, o directorio web do festival contará unha pestana específica e visible de ‘Medidas de accesibilidade’, con contidos en lectura fácil, iconas intuitivas e unha canle directa de atención a consultas e solicitudes de material como mochilas vibratorias e bucles magnéticos a través do enderezo electrónico secretaria@fundacionemalcsa.org. Estas peticións atenderanse por orde de formalización.

Estas accións compleméntanse con medidas de accesibilidade nos distintos escenarios, con zonas con mobilidade reducida (PMR), baños adaptados e mapas específicos que faciliten a orientación e o uso autónomo de espazos.

“O Goberno municipal leva anos apostando por facer da Coruña unha cidade máis inclusiva a través do urbanismo, nos servizos públicos, nos equipamentos municipais e tamén na cultura. Porque entendemos que a accesibilidade non é un complemento nin unha medida secundaria, senón unha condición imprescindible para construír unha cidade máis xusta”, apuntou Inés Rey.

 

Acordo con Fundación Music for All

 O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, e a Fundación Music for All, traballarán da man para rubricar que o Festival Noroeste Estrella Galicia siga dando pasos cara un evento máis inclusivo, igualitario e con medidas certificadas que permitan vivir a todas as persoas a experiencia dos concertos dun xeito 360º, independentemente da súa condición física e facilitando os accesos e os servizos.

 

Iniciativas inclusivas dentro da programación

 A trixésimo novena edición do Festival Estrella Galicia pasará á historia por ser a primeira en ofrecer propostas inclusivas na súa programación. Banda DiversidArte, cuxa posta en escena incluirá a colaboración de Silvia Penide e La Sophie Simonds Band; Freestyle People & Gallos del Norte e Orquesta Invisible son grupos conformados na súa maioría por persoas con diversidade funcional e outras realidades non normativas. As tres iniciativas darán os seus concertos no escenario de Santa Margarida.

No caso de Freestyle People & Gallos del Norte, previsto para o mércores 5 de agosto, trátase do primeiro colectivo de freestyle (rap improvisado) da historia da música galega conformado por persoas, principalmente mozos e mozas, que se atopan en situacións de risco de exclusión social. Unha familia de artistas con diversidade funcional e outras realidades non normativas que, a través das rimas e o rap, demostran que a música é unha linguaxe universal que nos une e que nos axuda a superar as creenzas limitantes.

O grupo naceu en 2024 froito da unión da plataforma social de freestyle Gallos del Norte e a Asociación sen ánimo de lucro Poten100mos. Fíxoo cunha misión clara: dar voz a artistas urbanos non normativos dentro dunha disciplina en auxe, tratando de acadar unha inclusión real, tanto na escena artística como na sociedade en xeral, sendo parte dun movemento cultural cada vez máis diverso e enriquecido polas distintas realidades que a compoñen. Abel, Álex, Isma, Dani, Yago, Víctor, Amaro, Luis Eduardo, Jairo, Luis, Pazo, Jordi, Iria, Ricardo, Pumares, Sole, Rey DJ – que por certo, tamén dará unha sesión no Portiño –, Juli e Cristina son os nomes que lle dan vida.

Tamén lle debemos á Asociación Poten100mos o proxecto cultural social galego de música tribal de Banda DiversidArte, formada por 16 persoas con diversidade intelectual, física e sensorial. Un grupo de músicos e músicas que, a través do ritmo, a voz e a percusión, demostran que a música é unha ferramenta de celebración e transformación social. Naceu no 2019 co mesmo obxectivo que Freestyle People: conseguir unha inclusión real no ámbito cultural e na sociedade, consolidando un proxecto profesional que emociona, divirte e fai reflexionar. Ofreceron xa máis de 100 concertos nestes 7 anos de vida, e máis de 8.000 persoas desfrutaron da súa creatividade. Sergio, Víctor, Juan, Richi, Antonio, Jorge, Roli, Susi, Carolina, Mariana, Filo, Gaspar, Martín, Yago, Cristina, Eva e Telete son nomes propios e exemplo para moitas e moitos de nós.

Como diciamos, a súa posta en escena estará acompañada pola de sobras coñecida artista Silvia Penide, quen ademais de escribir cancións moi directas que conectan co público de maneira íntima, exemplificou o compromiso social ao longo da súa carreira con proxectos contra o bullying ou a favor da muller autora. Sumarase tamén ao concerto La Sophie Simonds Band, liderada pola multiinstrumentista, compositora e directora creativa que naceu en Londres pero que vive en Galicia, concienciada e loitadora contra os estigmas. Un combo que, sen dúbida, non deixará indiferente ao público coruñés.

 Orquesta Invisible é un ecosistema creativo vivo, formado por un elenco de oito artistas con inquedanzas propias e visións musicais distintas. Chiqui, Mónica, Iria, Tania, Ramón, Andrew, Iago e Álex con Jas Processor, o guía deste laboratorio sonoro onde a agrupación experimenta coas propostas libres dos seus integrantes.

Xuntos e xuntas exploran as faíscas que encenden os seus ritmos e as melodías que emocionan. Nesta proposta, o texto poético entrelázase con capas de texturas e sons para construir unha viaxe onírica, integrada pola percusión, voz, guitarra e controladores midi.

Naceu no 2024 dunha aposta firme por abrir espazos á creatividade sonora e froito da colaboración entre o Centro Ocupacional Pascual Veiga da Coruña e o proxecto Sonora Invisible.  As súas composicións parten da inspiración en figuras como Gloria Fuertes ou José Luis Ferris, mesturando paisaxes sonoras, texto falado e interacción directa co público.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.