O Festival Noroeste Estrella Galicia celebra o seu segundo día con ampla presenza de mulleres nos escenarios: Mala Rodríguez, Ana Tijoux, Jimena Amarillo, Pongo ou Sabela, entre as grandes protagonistas da xornada

O Festival Noroeste Estrella Galicia pechou onte o segundo día da súa edición número 36 nunha xornada con ampla representación de mulleres artistas nos 8 escenarios que acolleron as actuacións de onte.

Mala Rodríguez, que asegurou sentirse como na casa en Galicia,  e Jimena Amarillo, que se estreou na cidade de cristal e celebrouno  desvelando un novo tema en exclusiva para o festival, ofreceron, xunto a Arde Bogotá, unha das noites máis reseñables desta cita nun Muelle de Batería que se confirma, tras o éxito destes dous primeiros días, como un gran acerto para a celebración de grandes eventos, sendo, como onte, o recinto de maior afluencia.

Ana Tijoux, unha das mellores rapeiras de fala hispana; Sabela, gran embaixadora da nosa lingua e a angoleña Poño, voz do novo pop africano, tríada perfecta de mulleres no escenario de Santa Margarida.

Luís Seoane acolleu as actuacións de PAVA e Santiago Latorre mentres que o Praza da Leña as propostas de Bala, Smile, Stormy Truck e Mollo Mantra ambientaron un dos centros neurálxicos da Coruña.

Azcárraga comezou ao ritmo do gypsy jazz de David Regueiro, que deu paso a Marcos Coll, quen agradeceu volver á cidade e o ovacionado Lee Fields, unha das  lendas vivas do soul estadounidense.

O Castelo de San Antón bailou ao ritmo da elegante electrónica do francés Thylacile, o country ou blues de Mallou e _Juno, o proxecto liderado por Martí e Zahara. En Cormelana Sellier o multifacético Yibril supuxo un sopro de aire fresco co seu afrobeat contemporáneo e funk electrónico.

O Teatro Colón estreouse como escenario Noroeste cun dos músicos máis veteranos e recoñecidos do panorama nacional; J, de Los Planetas, que con Plena Pausa musicalizó o arquivo fílmico de Iván Zulueta.

En todos os espazos abertos pódense atopar equipos de New Life, un proxecto de Estrela Galicia que pretende concienciar sobre economía circular, a posibilidade de dar unha segunda vida aos residuos xerados neste tipo de eventos, recolléndoos nuns e reutilizándoos noutros.

 

Programación venres 11 agosto

Coa fin de semana chegan algunhas das citas máis esperadas desta 36 edición: o reencontro cos concertos na Praia de Riazor: Grobas, figura imprescindible para entender o devir da música electrónica en Galicia desde mediados dos 90; 2ManyDjs, referentes en cabinas de todo o mundo, e Parov Stelar, pioneiro do electro swing, congregarán sen dúbida a millares de asistentes na praia, un dos emprazamentos máis celebrados do festival, tanto polos artistas como polo público.

Dous grandes referentes da escena coruñesa: Superfuzz e Ultracuerpos co seu tributo a Mark Lanegan en Campo da Leña, Pamela Rodríguez e Brais Morán & Nasafunk en Azcárrega e o sempre bailongo Meneo en Cormelana Sellier completan a programación da terceira xornada do Festival.

Inauguración da Feria de Discos Noroeste

Na súa segunda edición DISCOS DO NOROESTE continúa co propósito de establecer no emblemático recinto do Mercado Municipal de San Agustín de A Coruña un encontro de interese musical para todos os públicos, que conta cunha ampla variedade de vinilos e cd’s: descatálogados, reedicións, e en oferta.  

Discos do Noroeste toma como referencia as populares feiras de discos usados e suma valor á  súa proposta engadindo a presenza de material publicado por selos e artistas locais.  

As liñas estratéxicas establecidas pola entidade organizadora, a sen ánimo de lucro Asociación Musical Nonito Pereira, engloban diferentes áreas sobre as que desenvolver un proxecto sólido a medio e longo prazo, tales como promoción turística, lecer cultural, interacción social, aliñación cos ODS ou educación.

Os fins que persegue a Asociación Musical Nonito Pereira están orientados ao apoio e realización de cantas iniciativas sexan posibles  para o fomento da cultura musical a través da figura de Nonito Pereira Revolta, firme baluarte da escena musical galega ao longo da súa dilatada traxectoria profesional na que exerceu como disc jockey, xornalista, escritor, conferenciante, locutor, xefe de programas e director de radio, presentador de TV, promotor de concertos, produtor discográfico, guionista e asesor musical para institucións e  empresas. 

O Mercado Discos do Noroeste tamén disporá dun espazo Estrella Galicia onde se realizarán presentacións  de discos e libros de temática musical asinados por artistas e escritores locais, entre  os que se atoparán Sivia Penide, Fernando “Tanxencias”, compoñentes do grupo Amoeba Split, e  algunha que outra agradable sorpresa.  

A Feira estará situada na planta primeira do Mercado Municipal de San Agustín, onde ocupará unha extensión  próxima ao centenar de metros lineais nas seguintes datas e horarios:

VENRES 11 

  • Apertura ao público: 17:00 horas 
  • Peche al público: 21:00 horas. 

SÁBADO 12 

  • Apertura ao público: 12:00 hrs. 
  • Peche ao público: 21:00 hrs.  

DOMINGO 13  

  • Apertura ao público: 12:00hrs. 
  • Peche ao público: 18:00hrs. 

Puntos violeta

No Festival Noroeste Estrela Galicia activarase, como vén sendo habitual, un dispositivo de puntos violeta. Estarán situados na Praza de Pontevedra os días 11, 12 e 13 en horario de 22:00 a 02:00 horas.