36 FESTIVAL NOROESTE ESTRELLA GALICIA

ESCOITA A NOSA LUZ

Na súa 36 edición o Festival Noroeste Estrella Galicia mantén a intensidade e conta con 60 artistas  que durante catro días encherán de estilos musicais diversos ata 9 enclaves diferentes repartidos pola cidade herculina. 

Catro días de festival

Do mércores 9 de agosto ao sábado 12 a cidade vibrará día tras día con artistas internacionais, estatais, galegos e locais.

Días de festival

Escenarios

Artistas

Estilos para todos os gustos

Desde que comezou a xestarse este 36 Festival Noroeste Estrella Galicia deixou clara a súa vocación de constituír unha aposta clara polas artistas femininas e as bandas locais da cidade, ademais de grandes referentes internacionais de 14 nacionalidades diferentes. 

Falamos dun festival con valores polo feito de que boa parte do elenco artístico que conforma a programación deste festival opta por cancións que contan con certa crítica social.

Este evento contará con máis de 60 concertos, na súa totalidade de balde, que se celebrarán ó longo de toda a xeografía da cidade de cristal. 

A praia de Riazor, Santa Margarida, o Peirao de Batería, a praza de Azcárraga, o Campo da Leña, o Castelo de San Antón, a Fundación Luis Seoane, Cormelana Selier e o Teatro Colón acollerán desde o vindeiro 9 ata o 12 de agosto citas para anotar no calendario. 

Primal Scream, Parov Stelar, 2 manyDJs, Lori Meyers, Sabela, La M.O.D.A., Bala, Rayden, Mala Rodríguez, Arde Bogotá, Fatouma Diawara, Lee Fields, Pongo, Thylacine ou Iseo & Dodosound son tan só algúns dos nomes que integran o cartel, cuxo motivo principal é a luz da Torre de Hércules, emblema da cidade, que guía ó público cara os concertos na praia de Riazor. O lema escollido para a triséximo sexta edición é “Escoita a nosa luz”, en clara referencia ó motivo principal do mesmo. 

Aposta pola industria musical galega

A aposta pola música galega foi clara na anterior edición na que se buscou que o festival fose, ademais de unha aposta musicalmente atractiva, tamén un apoio firme á industria cultural máis próxima que estaba a padecer as consecuencias dunha pandemia que limitou as súas posibilidades de actuar. Esta aposta por formacións galegas de calidade e con boa acollida por parte do público mantense en 2023. A calidade dos artistas galegos, así como o seu poder de convocatoria está fóra de toda dúbida. 

O festival contará, ademais, cunha decena de artistas coruñeses, como Silvia Penide (mércores 9, Castelo de San Antón) e Brais Morán & Nasafunk (venres 11, praza de Azcárraga). Tamén artistas e bandas galegas como Sabela Ramil (xoves 10, parque de Santa Margarida), The Rapants (mércores 9, peirao de Batería) e Malandrómeda, con ubicación por confirmar proximamente.

Na programación atopamos artistas que porán en escea diferentes estilos musicais, desde o rock, ao blues, pasando polos ritmos latinos, o jazz, as músicas de raíz ou incluso experimentais.

Puntos violeta

Ademais, a alcaldesa confirmou que, ao igual que na pasada edición do festival, o Concello habilitará un novo dispositivo de puntos violeta para previr, asesorar e atender ante posibles condutas de violencia sexual nos días de festa.

A localización do punto violeta durante o Festival Noroeste Estrella Galicia será a praza de Pontevedra, e estará operativo entre o venres 11 e o sábado 12, así como na noite do sábado 12 ao domingo 13, sempre en horario de 22.00 a 2.00 horas.

Integrado nas Festas de María Pita

Desde o seu arranque no ano 1986 o Festival Noroeste Estrella Galicia sempre estivo integrado nas Festas de María Pita do Concello da Coruña. Pouco a pouco foise instaurando como cita musical obrigada cada mes de agosto na cidade. A día de hoxe continúa integrado no programa de festas pero con entidade propia. Por algo é un referente dos festivais musicais gratuítos dos que se pode gozar en España. En agosto, na Coruña:

#SomosNoroeste