Primal Scream, Parov Stelar e Lori Meyers encabezan o cartel do 36 Festival Noroeste Estrella Galicia, que contará coas actuacións de máis de 60 grupos e artistas

A cidade acollerá, entre os vindeiros días 9 e 12 de agosto, a 36a edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, “un dos referentes culturais e musicais do norte da Península, e que forma parte da identidade da Coruña”, tal e como expuxo esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, na presentación da programación prevista.

A rexedora, acompañada esta mañá polo concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e o director de Asuntos Corporativos de Hijos de Rivera, Antonio Viejo, puxo en valor “o compromiso amosado polo Goberno municipal para brindar á cidadanía unha ampla oferta de concertos nun dos festivais de acceso gratuíto máis importantes de Europa”.

Máis de 60 grupos e artistas protagonizarán as actuacións previstas durante os catro días de festival, que, tal e como subliñou Inés Rey, “volverá a conquistar as rúas da Coruña coa disposición de nove espazos repartidos pola cidade”. Á praia de Riazor súmase este ano o peirao de Batería, como outro dos recintos ideados para acoller o público máis numeroso. “Desta forma, damos continuidade á aposta do ano pasado, cando se abriron os terreos portuarios á celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia para o disfrute da cidadanía. Se entón foi no peirao de Transatlánticos, esta vez será no de Batería”.

Ademais, o festival terá continuidade en enclaves multiculturais e populares como o anfiteatro de Santa Margarida, o Campo da Leña, a praza de Azcárraga e a praza Cormelana Sellier. Tamén chegará ás instalacións da Fundación Luis Seoane e a símbolos patrimoniais orientados a actuacións de carácter máis íntimo, como o Castelo de San Antón e o Teatro Colón, recuperado para o abano de localizacións desta edición.

Inés Rey incidiu en que “para esta edición do Noroeste tentouse estreitar aínda máis a confluencia entre figuras xa consolidadas con artistas emerxentes, conxugando o talento internacional co local, porque a aposta polo noso é imprescindible e baixo esa premisa naciu o festival no ano 1986”.

Desta forma, o grupo de rock alternativo escocés Primal Scream será un dos principais cabezas de cartel. Actuarán na praia de Riazor o sábado 12, nunha xornada na que tamén serán protagonistas os granadinos Lori Meyers, nun concerto que tamén terá lugar en Riazor.

Outro dos grandes nombres propios para esta edición, que contará cun artista sorpresa cuxa identidade revelerase proximamente, é o do austríaco Parov Stelar, un dos pioneiros no xénero do electro-swing. Será a primeira actuación en Galicia de Stelar, que protagonizará a xornada do venres 11, tamén na praia de Riazor.

A maiores, e xa entre semana, tamén están previstos os concertos de La M.O.D.A e Rayden (ámbolos dous o mércores 9, no peirao de Batería), Arde Bogotá e a Mala Rodríguez (o xoves 10, tamén no peirao de Batería) e Lee Fields, unha lenda do soul cun percorrido de máis e medio século que compartiu camiño con bandas como Kool & The Gang. Fields actuará na praza de Azcárraga o xoves 10.

“Disfrutaremos dun abano de estilos amplo e diverso, pasando do rock ao blues e o folk, así como do rap e o electro-swing ao reggae e a música tradicional”, detallou Inés Rey. A este respecto, e tamén durante a vindeira semana, no Festival Noroeste Estrella Galicia actuarán Iseo & Dodosound (mércores 9, parque de Santa Margarida) e Pongo, un dos grandes fenómenos da música angoleña (xoves 10, parque de Santa Margarida).

O festival contará, ademais, cunha decena de artistas coruñeses, como Silvia Penide (mércores 9, Castelo de San Antón) e Brais Morán & Nasafunk (venres 11, praza de
Azcárraga). Tamén artistas e bandas galegas como Sabela Ramil (xoves 10, parque de Santa Margarida), The Rapants (mércores 9, peirao de Batería) e Malandrómeda, con ubicación por confirmar proximamente.

A alcaldesa recalcou, ademais, “o compromiso permanente do Goberno municipal para reforzar a presencia feminina no cartel do festival”, que contará cunhas 30 propostas protagonizadas por mulleres.

Habilitaranse puntos violeta no contexto do festival
Ademais, a alcaldesa confirmou que, ao igual na pasada edición do festival, o Concello habilitará un novo dispositivo de puntos violeta para previr, asesorar e atender ante posibles condutas de violencia sexual nos días de festa.

A localización do punto violeta durante o Festival Noroeste Estrella Galicia será a praza de Pontevedra, e estará operativo entre o venres 11 e o sábado 12, así como na noite do sábado 12 ao domingo 13, sempre en horario de 22.00 a 2.00 horas.

A rexedora detallou, ademais, que o dispositivo de produción executiva, técnica e de seguridade de cara ao evento contará coa participación dunhas 200 persoas.