O Concello da Coruña impulsa RE VERSIÓNS, unha convocatoria artística para reinterpretar a memoria musical coruñesa a través da arte contemporánea

O Concello da Coruña mantén aberta ata o vindeiro 24 de xullo a convocatoria artística RE VERSIÓNS, unha iniciativa que convida a reinterpretar a memoria musical coruñesa a través da arte contemporánea tomando como punto de partida a historia do Festival Noroeste Estrella Galicia.

As persoas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 24 de xullo a través do formulario dispoñible en https://reversionesnoroeste.com. Ata o momento, trinta artistas da Coruña e da súa área metropolitana xa formalizaron a súa participación na convocatoria.

Cartel Re Versións

A iniciativa ten como finalidade poñer en valor o legado musical da cidade mediante un diálogo entre creación contemporánea e as bandas e artistas que formaron parte da historia do Noroeste Pop Rock, actual Festival Noroeste Estrella Galicia. Para iso, as obras deberán reinterpretar portadas de discos vencelledas ao universo musical do festival, ofrecendo novas lecturas dun patrimonio cultural compartido por varias xeracións.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que “RE VERSIÓNS pon en valor a memoria musical da cidade desde unha perspectiva contemporánea”, engadindo que “esta convocatoria tamén permite apoiar o talento artístico local e ampliar o legado cultural do Festival Noroeste Estrella Galicia”.

A convocatoria, impulsada polo Concello da Coruña para fomentar a creación artística e reforzar a programación cultural vinculada ao Festival Noroeste Estrella Galicia, está dirixida a artistas plásticos e busca promover a participación cultural e fortalecer o tecido creativo local. A exposición reunirá unha selección das obras presentadas, inspiradas nalgunhas das referencias discográficas máis representativas da escena musical relacionada o festival.

Poderá visitarse do 30 de xullo ao 8 de agosto na Casa Museo Casares Quiroga, contribuíndo á programación cultural do verán e reforzando o compromiso do Concello coa promoción da cultura e o apoio á creación artística.

A actividade está organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Asociación Musical Nonito Pereira.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.