A fundación Music for All recoñeceu o Festival Noroeste Estrella Galicia polo amplo dispositivo de medidas piloto para favorecer a inclusión e continuar camiñando cara unha experiencia cultural máis aberta, confortable e accesible para toda a cidadanía.
Para facilitar o acceso á información, o directorio web do festival deseñouse nesta ocasión cunha pestana específica e visible de ‘Medidas de accesibilidade’, con contidos en lectura fácil, iconas intuitivas e unha canle directa de atención a consultas e solicitudes de material como mochilas vibratorias e bucles magnéticos a través do enderezo electrónico secretaria@fundacionemalcsa.org.
Ademais, os concertos da praia de Riazor de Bomba Estéreo, Rusowsky, Echo & The Bunnymen, Sprints, Bala e Sés na praia, e os de Dorian e Yerai Cortés, ambos na praza de María Pita, contaron con interpretación en lingua de signos, así como dous punto de de información e préstamo nos que tamén había mochilas vibratorias, bucles magnéticos, tapóns para os oídos e cascos aillantes do son.
Estas accións compleméntanse con medidas de accesibilidade nos distintos escenarios, con zonas con mobilidade reducida (PMR), baños adaptados e mapas específicos que faciliten a orientación e o uso autónomo de espazos.
Acordo con Fundación Music for All
O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, e a Fundación Music for All, traballaron da man para rubricar que o Festival Noroeste Estrella Galicia siga dando pasos cara un evento máis inclusivo, igualitario e con medidas certificadas que permitan vivir a todas as persoas a experiencia dos concertos dun xeito 360º, independentemente da súa condición física e facilitando os accesos e os servizos en favor da universalización da música.
Eventos como o SanSan Festival, Warm Up, ElRow Town, Viva Boom Fest, Marenostrum Fuengirola, Noches del Camino, Sónar, Festival Rio Babel, Mad Cool, Portamérica, Coca Cola Music Experience, Jardín de las Delicias, Ura Bere Bideam e agora o Festival Noroeste Estrella Galicia forman parte este 2026 da rede de actividades de Music for All.