Este sábado, 8 de agosto, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 18:30 horas, volve á cidade o Mercado de Discos do Noroeste, que reunirá no Hotel Hesperia, no número 16 da rúa Juan Flórez, máis de 20.000 exemplares de CD’s, LP’s, vinilos e casettes.
A iniciativa naceu hai xa cinco anos co obxectivo de establecer un punto de encontro musical na Coruña e onde, con cada celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia, converxen coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos.
Organizan o Concello da Coruña e a Asociación Musical Nonito Pereira. Estiveron presentes na apertura de portas o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e Nonito Pereira, impulsor da iniciativa.
Punto violeta
Hoxe, 8 de agosto, coincidindo coa celebración dos concertos na praia de Riazor, o Concello da Coruña habilitará un punto violeta na praza de Pontevedra), con horario de apertura ao público de 21:00 a 2:00 horas.
O obxectivo do Goberno local é reforzar o dispositivo de seguridade e prevención ante posibles conductas de violencia sexual. Estarán conformados por profesionais expertas en prevención da violencia de xénero.
O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.