O Mercado da Colleita encherá de actividades e música no Portiño no marco do Festival Noroeste Estrella Galicia

O Mercado da Colleita volve ao Festival Noroeste Estrella Galicia convertido nun punto de encontro dalgunhas das iniciativas que están a transformar o rural galego nunha contorna máis próspera, innovadora e sostible. Unha programación pensada para todos os públicos que combina divulgación, experiencias gastronómicas, creatividade e música.

O concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, destacou que “o Goberno de Inés Rey segue a apostar por propostas que reforzan a identidade cultural da Coruña e achegan á cidadanía experiencias vinculadas á sustentabilidade, á creatividade e ao talento do rural galego”.

Pola súa banda, Marcos Pérez, responsable do Mercado da Colleita, sinalou que “durante estes días estaremos aquí no Portiño compartindo un encontro cheo de actividades para todos os públicos, que permiten o contacto directo entre produtores do noso rural e consumidores”.

Noa Pérez, responsable de Marketing de La Tita Rivera O Portiño, anunciou que “un ano máis afianzamos a nosa colaboración co Mercado da Colleita, neste espazo marabilloso, e ata o día da eclipse”.

Óscar Vales, de We Sustainability, adiantou que “a nosa plataforma baséase na conciencia – acción, e para este ano as nosas actividades estarán protagonizadas por obradoiros de autocultivo co foco na cultura rexenerativa”.

Como en edicións anteriores, o Mercado da Colleita contará coa participación de proxectos que son referencia no seu ámbito: Airas Moniz, Calabizo, Cortes de Muar, MAremonte, Galo Celta, A Castrexa, Lenatt, Mariñeiras Daveiga, Sacrapastas e Horta da Lousa. Todas estas iniciativas están presentes con actividades como degustacións, talleres e presentacións, que permitirán ao público coñecer de cercado os seus produtos, valores e xeitos de traballar.

O espazo contará tamén coa presenza de We Sustainability, que ofrecerá propostas creativas e manualidades con materiais reutilizados, enmarcados nos seus programas de conciencia-acción ambiental, pensadas especialmente para público familiar.

As actividades comezarán o venres en horario de 15:30 a 20:00 horas, e o resto de días, ata o 12 de agosto, de 12:00 a 20:00 horas. Para concretar os horarios dalgunhas das actividades, existe un punto de información dispoñible no Portiño. As degustacións e talleres requiren inscrición previa presencial no devandito espazo.

Mercado da Colleita

 

Neste contexto, e como non podía ser doutro xeito, tamén haberá moita música. Correrá a cargo dos picadiscos DJMIL o venres 7 de agosto de 16.00 a 19.00 horas; Sofie Peries o sábado 8 de agosto de 12.00 a 15.00 horas e Saya DJ de 16.00 a 19.00 horas; e o domingo 9 de agosto, Rey DJ de 12.00 a 13.30 horas; La Yaya DJ de 13.30 a 15.00 horas e Monkey Mambo Club de 16.00 a 19.00 horas.

 

Sobre o Mercado da Colleita

O Mercado da Colleita é unha iniciativa de impacto positivo impulsada por Corporación Hijos de Rivera, cuxo propósito é contribuír activamente á transformación do rural nun medio máis próspero e sostible. Ao longo de máis de dez anos, o proxecto promoveu exemplos reais de artesáns e produtores rurais que, mediante modelos de xestión e negocio innovadores, mostran que esta visión de futuro non só é necesaria, senón tamén viable e diferencial.

A proposta do Mercado da Colleita artéllase a través de accións de investigación, concienciación e divulgación, coas propias iniciativas rurais como protagonistas e inspiración para o cambio que a nosa contorna precisa.

Máis sobre os deejays

DJMIL, Rey DJ, A Yaya DJ, Sofie Peries, Saya DJ e Monkey Mambo Club serán os artistas encargados de amenizar as sesións matutinas e vespertinas nun precioso emprazamento ao lado do Atlántico como é o do Portiño.

DJMIL presentaranos funk, música disco, world music e tamén música popular galega. A través dos seus scratches, vinilos e instrumentos, o seu proxecto conxuga a enerxía dunha sesión DJ co son orgánico dunha banda en directo.

Rey DJ, outro dos expoñentes da inclusión dentro da programación do XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia, levará ata O Portiño reguetón, bachata e música de actualidade.

La Yaya DJ, muller comprometida coa igualdade, a cultura e con diferentes movementos sociais, ofrece nos seus sesióins todo tipo de estilos, sempre co espírito festivo e bailable como fundamento. Mestura música de onte e de hoxe, aderezado cun pedazo de house que ten por finalidade promover a cultura musical en feminino, xa que nas súas sesións o 90% son mulleres.

Sofie Peries é unha artista multidisciplinar que explora a música desde a emoción e a experimentación, fusionando a súa voz única con sons electróniccos, urganos e ritmos innovadores. Ofrece dous formatos escénicos empregando a súa voz e habilidades como DJ para elevar ao intimismo máis profundo as súas sesións. Todo isto sen esquecer a diversión.

Saya DJ é unha forza artística curadora, multipotencia e activista. Nada en Santiago de Compostela, con raíces palestinas e actualmente vivindo entre Portugal e Galicia, destaca como DJ multixénero, influenciada polos diversos mundos culturais e artísticos que a rodean. As súas sesións caracterízanse por ritmos profundamente de raíz, con xéneros como o bass, arab club, deconstructed club e hard drums, entre outros. Unha viaxe sonora que nos lembra que a loita antirracista tamén é posible a través da música.

Monkey Mambo Club é unha asociación musical da que forman parte varios deejays galegos coa intención de animar todo tipo de festa, festival ou evento. Fomentan o gozo e o baile con toto dipo de estilos, desde o 50’s e 60´s en diante. Principalmente, oriéntanse cara a música negra, R&B, early soul e boogaloo.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto que conta co patrocinio de Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, e a Deputación da Coruña. Trátase do evento máis importante das súas características a nivel estatal, e un dos máis relevantes de Europa.