Se aínda non viches en concerto a Vetusta Morla, non podes saber de que está falando o mundo: da arena do Vive Latino en Cidade de México ás bambalinas do Luna Park bonaerense, á histórica cita na explanada de La Caja Mágica de Madrid, onde 38.000 almas conformaron o concerto máis multitudinario da banda, converténdoa así no primeiro grupo español do seu xénero capaz de reunir a tantos seguidores nun espectáculo propio. Poden presumir de contar cun dos mellores directos de España. A súa coidadísima posta en escena, a contundencia do seu son, a precisión da súa interpretación e a especial comunión co público fan diferencial a esta banda de Tres Cantos, Madrid.
Na actualidade atópanse presentando en directo, ademais da súa ampla colección de himnos, algunhas das cancións de Figurantes, o seu último e sétimo álbum de estudo, publicado o pasado 31 de maio. Figurantes foi gravado durante os descansos da xira de Cable a Tierra (2022/23) cambiando o habitual proceso condensado de composición por visitas periódicas a diferentes estudos para terminar de dar forma a once cancións que lles viñan roldando desde facía tempo. Temas que naceron coa excitación de saberse únicos, desligados dun concepto previo, reclamando un voo libre para crecer e ser rexistrados.
Vetusta Morla usou todos os instrumentos, procesos e técnicas aprendidas nos seus máis 25 anos de carreira para construír esta poderosa colección de cancións. Aparece a banda soando a banda: enérxica, gravando xuntos na mesma sala e tamén a banda que busca novos camiños de produción no estudo, moitos deles descoñecidos para o propio grupo, para chegar sempre ao mesmo destino: A CANCIÓN, a mellor canción posible.
Álvaro, David, Guille, Jorge, Juanma e Pucho tomaranse un merecido descanso unha vez finalizada a xira de verán na que están embarcados, sendo a de A Coruña unha das últimas datas da banda ata a súa volta en 2026.