GUADI GALEGO

Guadi Galego é  unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou sendo moi nova. En 1997 entra en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e grava con eles tres discos. Viaxe por Urticaria (1999) e Hepta (2001) foron calorosamente recibidos pola crítica e obxecto de varios premios e recoñecementos (entre eles o de Mellor Grupo Folk Europeo de 2000 e unha candidatura aos Grammy Latinos de 2002).

Seguiunos 10.0 (2006), que acadou o segundo Premio Opinión a Mellor Disco Galego do ano e foi candidato aos Premios da Música co seu tema “Xente”. Para daquela Guadi xa comezaba a experimentar con diversas sonoridades en formacións como o seu proxecto máis íntimo e persoal, Espido (con Guillerme Fernández) ou Nordestin@s (con Abe Rábade e Ugia Pedreira), ambas tamén galardoadas co Premio a Mellor Disco Galego.

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón, álbum aclamado pola crítica galega e española, sen deixar de participar noutros proxectos. Así, no ano 2012 sae o disco aCadaCanto, proxecto intimista onde traballa unha vez máis con Guillerme Fernández, acompañada tamén por Xabier Díaz na voz e Xosé Lois Romero no acordeón. No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, Lúas de outubro e agosto, e no 2016, ano en que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor, sae o terceiro, O mundo está parado. Este disco viaxa do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade e a coherencia, elaborando unha sonoridade envolvente con arrecendo pop que reapareceu no EP Bóla de cristal (2018).

No 2019 estreou Immersion, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes da man de artistas como Iván Ferreiro, Clara Peya, Xabier Díaz ou Lisandro Aristimuño. Este álbum valeulle o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español. Tras unha xira e un ano marcados pola pandemia, Guadi Galego lanza Costuras, 10 cancións que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador.

CANDO?

AS SÚAS REDES

A SÚA MÚSICA