Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. Tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses, como Tola, Tataravoa, Quen é a que canta? ou d’Escarnio, e dan a coñecer outros inéditos para o público.
Neste directo, no que a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante; María SOA e Sara Faro están acompañadas no escenario dunha banda, que integran Tania Caamaño e Marina Vidal. Desde xeito, e con esta formación, o grupo revelación do panorama musical galego no 2023 aposta pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vogais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.
Ademais, a música de Fillas de Cassandra está de actualidade nas plataformas audiovisuais. Se hai uns días II. LISÍSTRATA (varre vasoira) superaba o millón de reproducións en Spotify, ao éxito súmase tamén a difusión de canta miña sombra (Negra sombra), por ser unha das pezas que se inclúen na banda sonora de ‘Clanes’, a serie de Netflix que está acadar os primeiros postos en número de visualizacións en distintos países do mundo.