No quinto día do Festival Noroeste Estrella Galicia, o escenario de Riazor, o máis grande e impoñente de todo o evento, converterase no centro absoluto da programación musical. A xornada comezará coa actuación de Fillas de Cassandra. As viguesas que nos últimos meses emerxeron como un dos proxectos máis prometedores na música en galego, abrirán a xornada. Logo, o coruñés Xoel López, profeta na súa propia cidade e unha das figuras máis destacadas da escena musical nacional, levará ao escenario o seu inconfundible estilo, facendo honra do amor pola súa terra. A noite culminará cos ingleses Crystal Fighters, recoñecidos internacionalmente pola viralidade das súas cancións e a súa capacidade para transformar os seus concertos en auténticas festas.
Na penúltima xornada deste Festival Noroeste Estrella Galicia tamén haberá oco para as artes escénicas, co sexto día consecutivo de programación. ‘Contos ao Noroeste’, con Atenea García na praza de Vigo, e o ‘Noroestiño’ cos Monifates nos Xardíns de Méndez Núñez serán as propostas para o sábado. Ambas citas serán ás 19:00 horas.
Atenea García sorprenderá ao público cunha divertida e fresca proposta de narración oral para adultos, onde presentará historias de vida recollidas a mulleres que xa cumpriron 80 anos. ‘Vicio houbo sempre’ son historias que falan do desexo, do pracer, de sexualidade…
De festa en festa, dos Monifates, será a proposta para a cativada. Un carromato, dous músicos ambulantes e os máis diversos monicreques danzantes. Os Monifates é un proxecto lúdico-didáctico estreitamente vencellado á cultura galega, que pretende mostrar a rica e variada música e instrumentación que se conserva en Galicia, unido á recuperación dos chamados monicreques danzantes, hoxe case en desuso, integrando así baile, música e marionetas nun formato distinto e orixinal.
Por terceiro ano consecutivo, celebrarase o Mercado de Discos do Noroeste, co obxectivo de establecer un punto de encontro musical en A Coruña. Este evento reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluindo vinilos e CDs. Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LP’s, CDs, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas de algúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas.
O acceso será libre para todos os públicos durante os días 9, 10 e 11 de agosto. O mercado, organizado novamente por Nonito Pereira, celebrarase na súa tenda da rúa Real. O horario será o seguinte: venres de 17:00 a 20:00 horas, e sábado e domingo de 11:00 a 20:00 horas.
Como novidade, este ano por primeira vez poñeranse á venda tocadiscos, amplificadores e altavoces de segunda man.
Ademais, poderase disfrutar das seguintes actividades:
- Exposición fotográfica “1000 +30” – Concerto dos mil anos.
- Audición do disco ‘casanova de Eiris’ comentada por Nonito Pereira Rey.