A 38ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia concluíu cunha xornada fiel ao seu espírito multicultural. Xa consolidado como unha cita imprescindible para os e as amantes da música, o festival reafirmou a súa relevancia, gozando de nove concertos repartidos polos xa emblemáticos escenarios do Campo da Leña, o Castelo de SantoAntón, a praza de Azcárraga e a praza de María Pita, que se incorporou este ano á programación. Esta nova localización favoreceu o tránsito entre escenarios, garantindo a máxima concorrencia en todos eles.
O festival inaugurou esta edición ao máis puro estilo rock and roll da man da banda madrileña Los Sex. Cun Campo da Leña moi vivo desde primeira hora, o grupo encandeou coa mellor mediciña: os seus xenuínos riffs de guitarra e unha batería inconfundible, selo dos madrileños, que abriron para bandas como Motley Crue e Def Leppard. A xornada continuou xa en horario nocturno na céntrica localización cos concertos dos experimentados Los DelTonos, que con máis de vinte discos editados no seu haber e unha traxectoria que comezou no 86, demostraron porque o rock americano é posible en castelán. Por último, destacar á banda de Funky Andaluz Embrutesío por excelencia: O´Funk´illo, que chegaron á Coruña para celebrar o seu 25 Aniversario. Mesmo concepto, enerxías renovadas e un novo traballo cargado de temas sen colorantes nin conservantes, sen esquecer os temas que impulsaron á banda todo o máis alto das listas.
O Castelo de Santo Antón volveu ser escenario dunha das citas máis agardadas do festival: as súas entradas, baixo reserva de invitacións para os tres días de programación, esgotáronse nun par de horas. Vieux Farka Touré, compositor, cantante e guitarrista orixinario de Mali, foi o encargado de pechar un concerto neste impresionante espazo, aberto ao Atlántico, que deixou sen palabras a todos os presentes debido á beleza do sol poñente fundíndose coas melodías e cancións do africano.
Azcárraga soou, como vén sendo habitual, a blues, soul ou funk da man de 3 propostas que ateigaron a praza desde a hora do aperitivo, cando Adhara & Ritman deron por comezada a programación na cidade vella. Coa súa mestura de estilos de base folk rock fixeron dar os primeiros pasos de baile aos asistentes. Xa pola tarde todo un mestre africano do funk-soul moderno: JP Bimeni and the Black Belts, demostrou porque así se lle considera. Saxo, trompeta, baixo, guitarra, teclado e batería acompañaron a súa deliciosa voz, que evoca a Otis Redding, cunha vibra única presente durante todo o concerto. Para pechar a noite, unha proposta americana: Annie and The Caldwells, ou o que é o mesmo: a constelación de membros da familia Caldwell, que co seu potente soul disco do Mississippi fixo corear a un entregadísimo público para un fin de festa inmellorable na histórica praza.
María Pita ‘estreouse’ dentro da programación desta trixésimo oitava edición do Noroeste Estrella Galicia con outro gran clásico: 25 anos de traxectoria avalan ao polifacético Albert Pla, que cunha extensa actividade, tanto musical como teatral e cinematográfica, presentouse en A Coruña con Rumbagenarios: un show festivo con coreografía, proxeccións e unha estupenda banda: The Surprise Band. Pechou esta primeira xornada a raíña da nu-cumbia, La Yegros, un bulebule arxentino de enerxía inesgotable, personalidade exuberante e entusiasmo contaxioso.
Este 7 de agosto, segundo día do Festival Noroeste Estrella Galicia, estréase en Campo da Leña con Komodo, Hermana Furia e Battosai. Doutra banda, na praza de Azcárraga estarán ao longo do día Candela Liste, P.P Arnold e Tito Ramírez. Ballaké Sissoko + Piers Faccini son os elixidos para ofrecer a súa actuación no Castillo de Santo Antón; e Queralt Lahoz xunto a Mondra coroarán María Pita coas súas actuacións.
Mercado de Discos do Noroeste: novo horario
O Mercado de Discos do Noroeste abre hoxe as portas da súa IV edición na primeira planta do Mercado de San Agustín. Creado co obxectivo de establecer un punto de encontro musical na Coruña, reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluíndo vinilos e CD`s.
Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LP`s, CD`s, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas dalgúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas.
O acceso será libre para todos os públicos desde o xoves 7 de agosto ata o sábado 9 de agosto na primeira planta do Mercado de San Agustín, nos seguintes horarios:
- Xoves: 16:00 – 20:00h.
- Venres: 11:30 -19:30h.
- Sábado 11:30 -15:00h.
Organizado por Nonito Pereira, acollerá tamén unha exposición cuxa temática é a interpretación, ou reinterpretación, de famosas portadas de discos, entendendo o concepto como unha nova versión das devanditas creatividades con achegas persoais significativas por parte do autor, o ilustrador e deseñador galego Fausto Isorna.
Titúlase “ReDiscOver”, e en palabras do recoñecido autor: “neste caso a formulación era facer unha ilustración todas as mañás, antes de empezar o traballo diario, mentres tomaba o primeiro café e escoitaba un disco —buscado , iso si, pensando en que o ía a debuxar— e utilizando soamente rotuladores acrílicos. A única excepción é Into the music, que está realizada con lapis de cor”.