O Festival Noroeste Estrella Galicia enaltece a música galega con tres concertos de referencia na praia de Riazor e unha noite para a lembranza

A terceira xornada do Festival Noroeste Estrella Galicia continuou onte despregando unha programación que encheu de música cada recuncho da cidade. As emblemáticas praza da Leña e Azcárraga, xunto ao Castelo de Saton Antón, quentaron o ambiente ata chegar ao gran colofón: a apertura do escenario máis emblemático do Festival Noroeste Estrella Galicia: a praia de Riazor.

A programación comezou no Campo da Leña, onde Gustavo Almeida puxo o ritmo á apertura do día coa súa proposta de fusión de influencias brasileiras con pop acústico. Despois chegou o turno de Leria, cuarteto feminino que encheu o escenario de frescura co seu pop melódico en galego, versión de “A serea e o mariñeiro” de Xoel López incluída, conseguindo que a praza corease varios dos seus temas, confirmando por que son unha das apostas emerxentes máis interesantes da cidade. Os locais Doctor Snob, puro rock con identidade desde 1989, presentaron o seu último disco no que supuxo o peche do emblemático escenario da praza de España.

A praza de Azcárraga converteuse onte nun auténtico escaparate do talento emerxente da cidade. A maior parte das bandas programadas procedían dos Locais de Ensaio municipais, viveiros de novas formacións que nutren e apoian a escena coruñesa. Sobre o escenario, estes conxuntos amosaron a solidez e diversidade das súas propostas, agradecendo e poñendo en valor que o festival e que o Concello aposte por darlles visibilidade e abrirlles un espazo na programación. A tarde arrincou co pop-rock envolvente de Revel Velvet, seguiu coa experimentación sonora de Experimento Basement e a enerxía contaxiosa de Roda Door coas súas versións de clásicos contemporáneos. Despois, o rock e metal alternativo en galego de Nordés achegou un matiz máis potente, facendo o que a eles mesmos máis lles gusta: “Desfrutar e facer desfrutar sobre o escenario.” Scarecröw foi a banda encargada de despedir a praza nesta edición a través dos riffs afiados da súa proposta heavy rock.

O Castelo de San Antón volveu esgotar a reserva de localidades dispoñibles para acoller a McEnroe en formato dúo. O seu concerto, pausado e íntimo, logrou crear unha atmosfera de comunión entre este histórico espazo, a súa música e o público asistente.

O punto culminante do día chegou na inauguración do emblemático escenario da praia de Riazor, que abriu oficialmente as súas portas para unha noite que foi toda unha celebración da música galega na súa máxima expresión e diversidade. Baixo o ceo aberto e fronte ao mar, o público reuniuse para gozar dunha velada única protagonizada por tres grandes nomes da escena rexional.

Carlos Ares, a sensación musical nacional do momento, brillou como profeta na súa propia terra, emocionado por actuar no Noroeste, o Festival da súa localidade natal. Durante o concerto, adicou unha canción a Nonito Pereira, a quen lle agradeceu a introducción no mundo da música, xunto coa cidade da Coruña, por ser a súa casa.

Pola súa parte, Luar na Lubre, referentes indiscutibles do folk de raíz atlántica, ofreceron un concerto no que combinaron con mestría tradición e renovación, emocionando a varias xeracións e reafirmando que o seu legado segue plenamente vixente. A súa actuación contou coa forza dunha banda de gaitas e a cor dun grupo de bailaríns, envolvendo a praia nunha auténtica festa. Agradecidos e volcados coa que é tamén a súa cidade, lembraron que aquí naceu a banda hai case 40 anos e celebraron “volver ás raíces” tras percorrer escenarios de medio mundo. Tamén dedicaron unhas palabras de afecto e recoñecemento a Nonito Pereira, figura esencial na historia deste festival.

Para despedir a primeira gran noite no areal coruñés, Grande Amore apropiouse da praia de Riazor cun directo arrasador, visceral e sen concesións. No clímax da actuación, Nuno Pico lanzouse sobre o público para deixarse levar en crowdsurfing, navegando literalmente sobre a multitude.

 

Mercado de Discos do Noroeste

O Mercado de Discos do Noroeste conclúe hoxe na primeira planta do Mercado de San Agustín, consolidándose novamente como un punto de encontro imprescindible para coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de música en formato físico, con especial protagonismo para vinilos e CD’s.

Con máis de 20.000 unidades dispoñibles entre LP’s, CD’s, singles e maxisingles, o mercado ofrece desde discografías completas ata edicións descatalogadas, reedicións e unha ampla variedade de estilos musicais.

Organizado por Nonito Pereira, o evento inclúe tamén a exposición “ReDiscOver”, unha orixinal mostra do ilustrador e deseñador galego Fausto Isorna, que reinterpretou famosas portadas de discos co seu estilo persoal.

 O horario de acceso de hoxe: 11:30 a 15:00 horas.

 

O Mercado da Colleita continúa poñendo en valor o rural no Festival Noroeste Estrella Galicia


O Mercado da Colleita Hijos de Rivera continúa coa programación durante o fin de semana, despregando unha proposta de lecer familiar centrada na sensibilización medioambiental e o desenvolvemento sostible do mundo rural.

Instalado en O Portiño, o mercado prolongará a súa programación o sábado e domingo desde mediodía ata entrada a noite, cunha axenda chea de actividades para todos os públicos, ofrecendo visibilidade a proxectos rurais exemplares como Cortes de Muar, Airas Moniz, Mariñeiras Daveiga, Versos da Ruda, A Castrexa, Os Biosbardos, Horta da Lousa e Galo Celta, amosando o talento e o compromiso que laten no campo galego.

Con case 15 anos de traxectoria, esta iniciativa social de Hijos de Rivera reafirma a súa misión de impulsar un rural máis próspero, sostible e saudable, onde artesáns e produtores demostran día a día que outro modelo de vida e negocio é posible.

Programación para o derradeiro día:

Domingo 10 de agosto

13:00h – EME DJ (O Portiño)

16:00h – DJ Peligro (O Portiño)