NOVOS ESCENARIOS E MOITA VARIEDADE

38 FESTIVAL NOROESTE ESTRELLA GALICIA

Na 38 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia o público poderá gozar de máis dunha trintena de concertos en 6 escenarios diferentes espallados por toda a cidade. 

Cinco días de festival

Do 6 ao 10 de agosto a cidade vibrará día tras día con artistas internacionais, estatais, galegos e locais.

0

Días

0

Escenarios

0

Artistas

Novos escenarios e artistas moi variados

A cidade de cristal prepárase para unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará do 6 ao 10 de agosto con máis dunha trintena de concertos en 6 escenarios diferentes, repartidos por toda a cidade. Como principal novidade, nesta edición haberá concertos en María Pita, que se suma á nómina de escenarios para facilitar o tránsito de público entre uns e outros, e nace unha nova localización no Portiño, co Mercado de la Cosecha impulsado por Hijos de Rivera, con actividades para toda a familia nunha das postais máis icónicas da Coruña.

Falando de estampas coruñesas, o cartel está inspirado nas vidreiras das galerías da Marina, que forman unha das vistas máis bonitas de toda Galicia. O XXXVIII Festival Noroeste Estrelja Galicia dá continuidade á súa internacionalidade, xa que contará con propostas chegadas de Reino Unido, Países Baixos, Mali, Marrocos ou Senegal, reforzando á súa vez a aposta pola música galega e a presenza feminina en máis do 50% do cartel. Ata 19 bandas proveñen de Galicia e todos os concertos serán de balde.

Mercado de Discos do Noroeste

Creado co obxectivo de establecer un punto de encontro musical na Coruña, reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluíndo vinilos e cedés. Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LP’s, CD’s, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas dalgúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas. Con esta, xa son catro edicións.

O acceso será libre para todos os públicos desde o xoves 7 de agosto ata o sábado 9 de agosto na primeira planta do Mercado de San Agustín, con horario ininterrompido de 11:30 a 19:30 horas.

Organizado por Nonito Pereira, acollerá tamén unha exposición cuxa temática é a interpretación, ou reinterpretación, de famosas portadas de discos, entendendo o concepto como unha nova versión das devanditas creatividades con achegas persoais significativas por parte do autor, o ilustrador e deseñador galego Fausto Isorna. Titúlase “ReDiscOver”.

 

Mercado de la Cosecha Hijos de Rivera

O Mercado de la Cosecha regresa ao festival Noroeste Estrella Galicia co obxectivo de despregar desde o venres 8 de agosto ata o domingo 10 de agosto cunha proposta de lecer familiar cun obxectivo claro: o de divulgar e sensibilizar en favor do medio ambiente e o desenvolvemento sostible do rural. Este proxecto de impacto positivo de Corporación Hijos de Rivera estará presente nesta ocasión no Portiño, en horario de 15:30  a 20:00 horas o venres, e de 12:00 a 20:00 horas tanto o sábado como o domingo. Contará cunha ampla axenda de actividades para todos os públicos.

Este espazo dará tamén visibilidade a proxectos exemplares do rural como Cortes de Muar, Airas Moniz, Mariñeiras Daveiga, Versos da Ruda, A Castrexa, Os Biosbardos, Horta da Lousa e Galo Celta.

O Mercado de la Cosecha é unha iniciativa de impacto social de Hijos de Rivera, cuxo propósito é a transformación do rural nun medio máis próspero, sostible e saudable que xera benestar. A principal contribución do Mercado de la Cosecha ao longo destes case 15 anos de existencia materializouse en exemplos reais de artesáns do rural que, a través dos seus modelos de xestión e/ou de negocio, amosan que esta visión de futuro non só é necesaria, senón que tamén é viable e diferenciadora.

#SomosNoroeste