A quinta xornada da XXXVII edición do Festival Noroeste Estrela Galicia, celebrada onte, 9 de agosto, trasladouse á icónica praia de Riazor, onde 50.000 persoas vibraron coas actuacións de Fillas de Cassandra, Xoel López e Crystal Fighters, nunha noite cun ambiente inmellorable e multixeneracional.
Comezou coa enerxía das galegas Fillas de Cassandra, que combinaron. sons tradicionais co toque moderno que tanto as caracteriza. A gran sorpresa chegou cando o artista de música “trad” Mondra saltou ao escenario para interpretar Punheta. Seguidamente, De ninghures apareceron para acompañalas bailando en Cando ti así e interpretando Anguleele, cantada en euskera, nun concerto para todos os sentidos.
Ao berro de “Imos, Coruña!” desembarcou en Riazor Xoel López, quen regresou á súa cidade natal para ofrecer un concerto cheo de emoción e complicidade cos miles de asistentes. O artista deleitou cun repertorio que recompilou o mellor da súa traxectoria, lembrando as súas orixes e a súa conexión co público local.
Juan de Dios, recoñecido produtor musical e outrora músico de Xoel, foi o invitado especial que o acompañou en Que no, todo un himno do seu proxecto Deluxe, con quen se presentou no mesmo escenario en 2012, e en Terra, emotivo momento no que Xoel se amosou entusiasmado por poder facelo precisamente na praia á que adica a canción.
A noite culminou coa actuación de Crystal Fighters, cuxa fusión de música electrónica, folk e ritmos bailables contaxiaron de enerxía a toda Riazor, facéndose presente e compartindo un momento tan especial que recalcaron coas súas palabras: “Que ilusión estar aquí con tanta xente na praia”. Concluíron a xornada cun “Galicia é un lugar precioso”, que fixo que a praia de Riazor se convertise nunha auténtica pista de baile baixo as estrelas.
No que respecta ás escénicas, a humorista Atenea García fixo gala do seu enxeño na praza de Vigo. Pola súa banda, os Xardíns de Méndez Núñez foron testemuñas da orixinal proposta de Os Monifates, cun espectáculo inesquecible.
Mañá, o festival continúa con outra xornada repleta de grandes actuacións. A praia de Riazor xa agarda para recibir a Vetusta Morla, unha das bandas máis emblemáticas do panorama nacional, xunto ao galegos Triángulo de Amor Bizarro e The Rapants, no que promete ser unha noite memorable.
A programación darase cita en tres escenarios cos ‘Contos ao Noroeste’ e o ‘Noroestiño’. A praza do Humor, onde actuará a “galetiktoker” Leti da Taberna, a praza das Bárbaras con Celso Sanmartín e nos Xardíns de Méndez Núñez, Fran Amil.
O Mercado de Discos do Noroeste, creado co obxectivo de establecer un punto de encontro musical na Coruña. Este evento reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluíndo vinilos e CD’s. Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LP’s, CD’s, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas dalgúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas.
O acceso será libre para todos os públicos ata o domingo. O mercado, organizado novamente por Nonito Pereira, celebrarase na súa tenda da Rúa Real. O horario será hoxe e mañá, domingo de 11:00 a 20:00 horas.
O Punto Violeta permanecerá aberto de 22:00 a 02:00 na Praza de Pontevedra.