Homenaxes

Esta 34 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia contará con dous escenarios: un deles na praza de María Pita e outro no parque de Santa MargaridaA elección do nome de ambos é en honor de dúas importantes figuras da música coruñesa que nos deixaron recentemente. O primeiro deles leva o do periodista e promotor musical Nonito Pereira; o segundo trátase do escenario Jaime Manso, propietario da histórica tenda Discos Portobello.

Nonito Pereira

Praza de María Pita

Dende que arrancou a súa carreira coma disc-jockey na sala Playa Club da Coruña a mediados dos 60, Nonito Pereira foi evolucionando nunha figura tremendamente polifacética dentro do ámbito musical.

Promotor, xornalista, pinchadiscos, produtor, presentador e comentarista en radio e televisión, deixou unha pegada eterna na música galega e máis en concreto no Festival Noroeste Estrella Galicia formando parte do seu equipo en non poucas edicións.

Jaime Manso

Parque de Santa Margarida

Despois de pasar unha tempada traballando en Londres nos anos 70, chegou a Galicia cheo de vivencias e contactos. Montou na Coruña a tenda Discos Portobello en 1980 na rúa Cega.

O establecemento posicionouse axiña como unha referencia e un punto de encontro para conversar e coñecer novas tendencias entre as persoas amantes da música na cidade e comarca. Coa súa afabilidade e profesionalidade, gañou o seu lugar na memoria musical e social coruñesa.