A Cidade de Cristal xa está lista para celebrar desde hoxe a 37ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que contará cun programa que abarca tanto a música como as artes escénicas, consolidándose como un dos eventos máis esperados do ano en Galicia.
Nesta edición, o festival da un paso adiante ao incorporar as artes escénicas mediante dúas liñas de programación: “Noroestiño” e “Contos ao Noroeste’’. Estas disciplinas foron as protagonistas da primeira xornada do evento, coas actuacións de Vero Rilo, Luís Iglesias e Avelino González nos Xardíns de Méndez Núñez e na Praza de Vigo.
Vero Rilo e Luis Iglesias ofreceron unha sesión de narración oral e musical para todos os públicos, presentando contos da tradición oral acompañados de música en directo. Pola súa banda, Avelino González brindou un espectáculo humorístico que mesturou historias de amor tradicionais e contemporáneas con narración oral, teatro e elementos audiovisuais.
Consulta aquí as fotos da xornada do luns
A programación escénica será novamente a protagonista do segundo día do festival. Así, o martes 6, Roi da Costa e Cé Orquestra Pantasma daranse cita ás 19:00 h na Praza do Humor e nos Xardíns de Méndez Núñez, respectivamente.
Ademais, a partir de mañá tamén estarán dispoñibles as invitacións para os concertos do Castelo de San Antón, que se poderán recoller presencialmente na Praza de Ourense, en horario de 11:00 a 15:00h e de 16:30 a 19:30h ou ben online aquí
Roi da Costa · A MIÑA VIDA SENDO OUTRO
A miña vida sendo outro é un espectáculo de Imitación, interacción co publico e improvisación por Roi da Costa. ‘’Algunha vez preguntácheste como é o dia a dia na vida dun imitador?. Seguro que non, pero eu voucho contar de todas maneiras e con exemplos prácticos. Se pudieses ser outra persoa famosa, quen che gustaría ser?. Achégate a ver o novo monólogo de Roi da Costa e a parte de risas, ao mellor saes con doble, triple e hasta cuádruple personalidades coma min.’’
Cé Orquestra · HOME ORQUESTRA PANTASMA
Apoiándose na recuperación da figura do Home Orquestra, Cé Orquestra Pantasma convértese na fórmula perfecta para escapar do mundo por uns intres, deixándose levar, entregándose por completo á festa. Porque iso é o que son os seus espectáculos: unha gran festa chea de forza, ritmo e fantasía, onde o público deixa de ser público para se converter en protagonista. As posibilidades que ofrece Cé Orquestra Pantasma abranguen calquera celebración. A súa especialidade, a animación musical e as actuacións de rúa, adáptase a calquera tipo de festas, romarías ou feiras de época. As súas actuacións tamén son aptas para os espazos pechados e pode participar en todo tipo de iniciativas, desde recitais poéticos até en celebracións e bailes para a xente maior.