A cuarta xornada do XXXVIII Festival Noroeste Estrella Galicia vivíuse como unha auténtica festa que conectou dous escenarios moi distintos pero igualmente palpitantes: a atmosfera próxima e familiar de O Portiño, co seu Mercado de la Cosecha despregado a carón do Atlántico, e a magnitude da praia de Riazor, transformada nun impoñente anfiteatro natural onde miles de persoas celebraron o talento galego, nacional e internacional.
A xornada arrincou ao serán en O Portiño, onde Raphael de la Ghetto inaugurou o sábado cunha sesión ecléctica, perfecta para acompañar o ambiente distendido do mercado. Xa pola tarde, Señora DJ colleu o relevo, entrelazando electrónica elegante e destelos disco, avivando o ánimo do público coruñés antes da gran cita nocturna xunto ao mar.
Co sol aínda alto, o talento galego fíxose co escenario de Riazor con Guadi Galego, unha das voces máis presentes e reivindicativas da nosa terra e referente na fusión de folk atlántico, pop e sonoridades contemporáneas. Visiblemente emocionada, a artista adicou o seu concerto “á cidade máis fermosa do país” e, mentres o solpor tinguía o ceo, lanzou unha mensaxe de apoio e recoñecemento a todas as compañeiras músicas do sector, ao tempo que agradeceu ao festival por seguir apostando pola cultura galega, gañándose unha ovación unánime.
A noite subiu de temperatura con Siloé, a banda que está a revolucionar a escena estatal co seu arrasador directo. A expectación era máxima: unha praia ateigada de seareiros agardaba desde horas antes a chegada de Fito Robles, vocalista do grupo, que irrompeu iniciando o concerto dende o corazón do público, desatando berros, saltos e unha conexión inmediata dende o primeiro minuto. Foi un espectáculo no que a enerxía confluiu de principio a fin, cunha banda entregada e agradecida polo cariño do público coruñés, ao que adicaron unha mensaxe que resumía a noite: «desde A Coruña ata o mundo».
O broche de ouro e a despedida dos concertos en Riazor púxeronos The Vaccines, estandarte do indie rock británico e unha das bandas máis influentes do seu xénero na última década, cunha traxectoria que os levou aos principais festivais e listas internacionais. No Noroeste Estrella Galicia despregaron un setlist que alternou himnos da súa carreira coas súas máis recentes composicións, inundando a noite de guitarras vibrantes e retrousos coreados a pleno pulmón por un público entregado.