A cidade de cristal prepárase para unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará do 6 ao 10 de agosto con máis dunha trintena de concertos en 6 escenarios diferentes, repartidos por toda a cidade. Como principal novidade, nesta edición haberá concertos en María Pita, que se suma á nómina de escenarios para facilitar o tránsito de público entre uns e outros, e nace unha nova localización no Portiño, co Mercado de la Cosecha impulsado por Hijos de Rivera, con actividades para toda a familia nunha das postais máis icónicas da Coruña.
Falando de estampas coruñesas, o cartel está inspirado nas vidreiras das galerías da Marina, que forman unha das vistas máis bonitas de toda Galicia. O XXXVIII Festival Noroeste Estrelja Galicia dá continuidade á súa internacionalidade, xa que contará con propostas chegadas de Reino Unido, Países Baixos, Mali, Marrocos ou Senegal, reforzando á súa vez a aposta pola música galega e a presenza feminina en máis do 50% do cartel. Ata 19 bandas proveñen de Galicia e todos os concertos serán de balde.
En canto a xéneros predomina, como non podía ser doutra maneira, o pop-rock, emblema desta programación ao longo da súa historia, pero haberá moito máis. Desde o folk, o trad, o funk, o soul ou o jazz, pasando polo blues, o hiphop, a electrónica, o dance ou sons característicos da música étnica.
A praia de Riazor, a praza de María Pita, o Castelo de Santo Antón, Campo da Leña, praza de Azcárraga e O Portiño serán os escenarios desta trixésimo oitava edición do Festival Noroeste Estrela Galicia. Neste último haberá actividades para toda a familia, con Mercado de la Cosecha, que volve formar parte da programación desde o venres ata o domingo. Rapariga DJ, Raphael de la Ghetto, Eme DJ, Yo soy Ratón e DJ Peligro ofrecerán espectáculos neses días.
Galicia brillará como nunca en Riazor o venres 8 de agosto. O coruñés Carlos Ares, artista, produtor e compositor cunha das voces máis persoais e inquietas da escena alternativa, dará paso a dúas propostas tan auténticas como persoais: os tamén locais Luar na Lubre, a nosa banda máis internacional feita unha versión polo mesmísimo Mike Oldfield, e Grande Amore: “o grupo máis ruidoso da súa xeración”, recentemente recoñecido co Premio MIN 2024 ao mellor álbum en galego.
Na praia recalará o sábado 9 una das bandas de rock moderno máis formidables de Inglaterra: The Vaccines, que xunto a Siloé, unha das propostas máis orixinais da escena musical española – recomendados nada menos que por Coldplay – e á multipremiada artista galega Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena actual, poñerán o peche ao escenario máis emblemático do festival.
Unha das voces máis impresionantes da actualidade: Queralt Lahoz, ou o sempre irreverente Albert Pla, entre outros, inaugurarán María Pita como espazo escénico do Noroeste Estrella Galicia.
Azcárraga, que sempre regala á cidade algunhas das sorpresas máis gratas do festival, acollerá sobre as súas táboas a P.P. Arnold (USA), que nas súas 5 décadas de traxectoria relacionouse con Tina Turner, The Rolling Stones ou Rod Stewart, ás tamén americanas Annie and the Caldwells co seu potente soul disco do Mississippi ou a JP Bimeni and the Black Belts (África), un mestre do funk-soul moderno de inspirador estilo soul africano.
O Festival Noroeste Estrella Galicia está organizado polo Concello da Coruña e conta co apoio institucional da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ademais do patrocinio de Estrella Galicia.
Mercado de Discos do Noroeste
Creado co obxectivo de establecer un punto de encontro musical na Coruña, reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluíndo vinilos e cedés. Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LP’s, CD’s, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas dalgúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas. Con esta, xa son catro edicións.
O acceso será libre para todos os públicos desde o xoves 7 de agosto ata o sábado 9 de agosto na primeira planta do Mercado de San Agustín, con horario ininterrompido de 11:30 a 19:30 horas.
Organizado por Nonito Pereira, acollerá tamén unha exposición cuxa temática é a interpretación, ou reinterpretación, de famosas portadas de discos, entendendo o concepto como unha nova versión das devanditas creatividades con achegas persoais significativas por parte do autor, o ilustrador e deseñador galego Fausto Isorna. Titúlase “ReDiscOver”.
Mercado de la Cosecha Hijos de Rivera
O Mercado de la Cosecha regresa ao festival Noroeste Estrella Galicia co obxectivo de despregar desde o venres 8 de agosto ata o domingo 10 de agosto cunha proposta de lecer familiar cun obxectivo claro: o de divulgar e sensibilizar en favor do medio ambiente e o desenvolvemento sostible do rural. Este proxecto de impacto positivo de Corporación Hijos de Rivera estará presente nesta ocasión no Portiño, en horario de 15:30 a 20:00 horas o venres, e de 12:00 a 20:00 horas tanto o sábado como o domingo. Contará cunha ampla axenda de actividades para todos os públicos.
Este espazo dará tamén visibilidade a proxectos exemplares do rural como Cortes de Muar, Airas Moniz, Mariñeiras Daveiga, Versos da Ruda, A Castrexa, Os Biosbardos, Horta da Lousa e Galo Celta.
O Mercado de la Cosecha é unha iniciativa de impacto social de Hijos de Rivera, cuxo propósito é a transformación do rural nun medio máis próspero, sostible e saudable que xera benestar. A principal contribución do Mercado de la Cosecha ao longo destes case 15 anos de existencia materializouse en exemplos reais de artesáns do rural que, a través dos seus modelos de xestión e/ou de negocio, amosan que esta visión de futuro non só é necesaria, senón que tamén é viable e diferenciadora.