Continúan os concertos en Riazor na derradeira xornada do XXXVII Festival Noroeste Galicia

O sexto día do Festival Noroeste Estrella Galicia despedirá a programación musical no seu escenario máis espectacular e especial: a praia de Riazor. A xornada comezará coa actuación dos galegos Triángulo de Amor Bizarro, recoñecidos a nivel nacional polas súas composicións de indie rock.

Seguirá Vetusta Morla, unha das bandas máis emblemáticas do panorama musical nacional e iberoamericano, que recentemente anunciaron un descanso ata 2026, facendo destadata no calendario coruñés unha ocasión aínda máis especial. A noite, e con ela os concertosdesta edición, pecharase con The Rapants, unha explosión de enerxía e ‘bo rollo’ en forma de puro rock en galego sobre o escenario.

Na programación escénica, serán tres os emprazamentos nos que se celebrarán tanto ‘Contos ao Noroeste’ como ‘Noroestiño’. Cita dobre para os contos, con Leti da Taberna na praza do Humor ás 13:00 horas e Celso Sanmartín na praza das Bárbaras ás 19:00 horas. Fran Amil fará o propio para a cativada nos Xardíns de Méndez Núñez, tamén ás 19:00 horas.

Continúa o segundo día do Mercado de Discos do Noroeste, que naceu da man de Nonito Pereira co obxectivo de establecer un punto de encontro musical en A Coruña. Este evento reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluíndo vinilos e CD´s.

Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LPs, CD’s, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas de algúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas. O horario será de 11:00 a 20:00 horas.