O Festival Noroeste Estrella Galicia dá mañá o pistoletazo de saída á súa 37ª edición, a máis extensa ata a data

Mañá, luns 5 de agosto, A Coruña prepárase para recibir a 37ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia cun programa que abarca música e artes escénicas, consolidándose como un dos eventos máis agardados do ano en Galicia. Nesta edición o festival dá un paso adiante ao incorporar as artes escénicas con estreas destacadas nas súas dúas liñas programáticas:, “Noroestiño” e “Contos ao Noroeste”, sendo precisamente esta disciplina a protagonista da súa primeira xornada.

 

 CONTOS AO NOROESTE

Avelino González actuará nos Xardíns de Méndez Núñez ás 19:00h con Sereas, dragóns e pistas de baile. É un espectáculo de historias de amor. O amor… xa se sabe, ás veces tenro, tantas veces ridículo e, visto dende fóra, sempre divertido. As historias que se contan son tradicionais e contemporáneas, con música (de baile, por suposto).

Hai sereas (e mais outro animal que non conto agora por non matar o misterio), mouras que queren que un rapaz as desencante (cousa que si, ten dobre sentido) e dragóns que raptan mozas. Estes contos aparentemente vellos están moi vivos xustamente por iso, porque falan de como querer e deixarse querer. A última historia acontece nunha pista, de baile. Que os namorados sexan gordos ou fracos non importa, o que importa é que bailan.

“Deixarse querer é como bailar. E di a miña nai que bailar é fácil: non hai máis que deixarse levar. E o baile bonito é cando non se sabe quen leva, cando non se sabe se alguén leva. Así que … bailas? (Se dis que si cóntoche unha cousa á orella)”

O polifacético Avelino González sorpréndenos con este novidoso espectáculo de narración oral, teatro, audiovisual e humor no que mestura o vello co novo para falar de amor.

 

NOROESTIÑO

Vero Rilo e Luis Iglesias actuarán o luns 5 de agosto na Praza de Vigo ás 19:00h. CACHO ANIMALADA! é unha sesión de narración oral e música para público infantil e as súas familias. A narradora Vero Rilo acompáñase desta vez da guitarra, da voz (e outros trebellos) do multifacético Luis Iglesias. Aventúranse xuntas nun camiño diverso, transitado por contos da nosa tradición oral, versións libres e revisitadas dos Contos de Fadas de Ángela Carter, contos de autor/a que xa son clásicos da literatura e álbum ilustrado infantil. Todo o repertorio vai da man da música, da alegría, dos animais e, por que non?, de certas animalas. Son tempos de soltar as melenas e contar, cantar, bailar e correr coas feras que levamos dentro Raposos, merlas, toupas, nenas, nenos… corredes con nós?