A XXXVII edición do Festival Noroeste Estrella Galicia culminou a súa sexta e derradeira xornada de concertos cunha noite espectacular no escenario da praia de Riazor e que gozaron máis de 50.000 persoas.
A emblemática localización contou coa actuación de Triángulo de Amor Bizarro, que tocou a escasos metros de onde a banda ofreceu un dos seus primeiros concertos hai xa 20 anos: a mítica discoteca Praia Club. Cun setlist que non defraudou aos seus fieis seguidores e seguidoras, a banda galega amosou porque segue a ser unha das favoritas do rock español.
A noite continuou coa actuación de Vetusta Morla, que ofreceu un dos seus últimos concertos do ano. A banda, gran referente da música nacional, abriu o espectáculo cun “boas noites Coruña!”. Cada canción foi coreada por milleiros de voces, creando unha atmosfera memorable que levou á banda para afirmar: “coruñesas e coruñeses, hai unha vista preciosa desde aquí arriba, grazas polo agarimo”, ademais de agradecer a quen fai posible eventos como o Festival Noroeste Estrella Galicia.
Para pechar a xornada, o grupo muradán The Rapants ofreceu unha actuación cargada de ‘bo rollo’ e sorpresas. Coa colaboración de María Galdón da banda Capital Voskov en As Kimbambas e a aparición de Xanma cunha camiseta personalizadas do Dépor, completaron unha xornada na que o grupo conectou co público e contaxiou do seu espírito de baile poñendo a guinda a outra noite lexendaria no areal coruñés.
No apartado de artes escénicas, a xornada de hoxe contou coas actuacións de Leti da Taberna na praza do Humor, Celso Sanmartínna praza das Bárbaras e Fran Amil nos Xardíns de Méndez Núñez, quen achegou diversidade e calidade artística a un festival que se consolidou como un referente cultural en Galicia.
O festival conclúe hoxe, domingo 11 de agosto, cunha última xornada adicada ás artes escénicas. Marta Martínez na praza de Pontevedra, Magín Blanco e a banda das apertas nos Xardíns de Méndez Núñez e o humor de Xosé A. Touriñán, Perdomo, Carlos Blanco e Lucía Veiga no Parque de Santa Margarida, pecharán esta edición que ofreceu unha rica programación cultural e musical durante sete intensos días.
Ademais, o Mercado de Discos do Noroeste, un evento que reuniu por centos de amantes da música e coleccionistas na rúa Real, e que pechará as súas portas hoxe ás 20:00 horas, despídese deixando tras de si un éxito rotundo en canto a participación e oferta musical.