Todo o que tes que saber sobre a 35ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia

  • Entre os días 10 e 14 de agosto terá lugar esta cita musical de gran tradición en toda Galicia que atrae públicos tamén do resto do territorio estatal. 
  • O festival regresa nesta edición ao seu escenario máis emblemático na praia de Riazor e presenta unha nova programación no peirao de transatlánticos, abríndose así a ambas beiras da cidade.
  • O Festival Noroeste Estrella Galicia contará con máis de 50 actuacións en 10 escenarios ao longo de toda a cidade. A súa 35ª edición é unha clara aposta pola música liderada por mulleres con 23 actuacións e por proxectos galegos que suman 21 actuacións únicas.
  • Para acceder aos concertos de Valeria Castro, A Pedreira e Israel Fernández celebrados no Castelo de San Antón, precisaranse invitacións que xa se poden conseguir en ataquilla.com ou en taquilla na Praza de Ourense.
  • Esta edición recupera tamén a presenza do Mercado da Colleita que se instalará durante as 5 xornadas do festival no Campo da Leña e que contará coa presenza dos produtores que participan neste proxecto de impacto social de Corporación Hijos de Rivera.

 


 

Volve o Festival Noroeste Estrella Galicia. Desde o mércores 10 ao domingo 14 de agosto 51 concertos encherán durante cinco días  de estilos musicais diversos ata 10 enclaves diferentes repartidos pola cidade da Coruña.

Os artistas do 35 Festival Noroeste Estrella Galicia porán en escea diferentes estilos musicais, desde o rock, ao blues, pasando polos ritmos latinos, o jazz, ás músicas de raíz ou incluso experimentais conformando un cartel aberto a todos os gustos.

A súa 35ª edición é unha clara aposta polos valores, polo talento autóctono e polas mulleres. Así é que todos os días do festival haberá propostas tanto en galego como lideradas por mulleres. Entre o talento femenino destacan as actuacións de Tanxugueiras, Zahara, Luna Ki, Valeria Castro, Delaporte, Maika Maikovski, Toccororo, Amparanoia, Maruja Limón ou A Pedreira entre outras que en moitos casos comparten acento local con artistas como Baiuca, Néstor Pardo, Alicia Carrera, Dios Ke Te Crew, Familia Caamagno ou Miguel Costas entre outros. 

En canto ao concerto de Tanxugueiras, este será de accesibilidade auditiva. En colaboración con Acopros poñeranse ao dispor do público unha edición máis mochilas vibratorias. Para máis información diríxete a ruben.acopros@gmail.com

A 35 edición do festival tamén ofrece unha programación internacional de impacto. Así é que A Coruña servirá de porto (nalgúns casos por primeira vez) para artistas estranxeiros como UB40 (UK), Kamaal Williams (UK), Bia Ferreira (Brasil), Ana Moura (Portugal), Thibault Cauvin (Francia), David Walters (Francia), Emir Kusturika (Serbia), Vanessa Collier (EEUU), Aqeelion (EEUU) e Eve Cornelious (EEUU). 

Os espazos tamén son unha parte moi relevante desta 35ª edición do festival. Se había algo que o público do Festival Noroeste Estrella Galicia quería recuperar era o seu espazo estrela: a praia de Riazor. Este 2022 non faltará no mapa de escenarios. Á praia súmanselle outros novos como é o caso do peirao de transatlánticos. Por un lado, “Volvemos pisar a area!” (como reza o lema deste ano), e por outro, ábrese o porto á cidadanía para gozar de espectáculos que terá como fondo unha das imaxes máis recoñecibles da Coruña: as súas galerías.

O 35 Festival Noroeste Estrella Galicia conta con 10 escenarios en total que son distintos entre si, tanto en formato como en acentos musicais. Entre espazos máis coquetos e intimistas e os grandes espazos, este ano o festival tamén inclúe un novo formato, o “Pasacalles”, que engade a música en movemento á súa programación. A maioría serán espazos abertos que permitirán desfrutar do ceo e o aire libre dos días e noites da Coruña: 

    • Praia de Riazor: A esencia do festival.
    • Parque de Santa Margarida: urbana, fusión, rock alternativo.
    • Peirao de transatlánticos: visión musical máis contemporánea.
    • Campo da Leña: chiscadela ao rock. Mercado da colleita. 
    • Praza de Azcárraga: noites de jazz, soul e moito máis.
    • Fundación Luis Seoane: arte e vangarda.
    • Castelo de San Antón: pequenas grandes ‘delicatessen’. Acceso aos concertos de Valeria Castro, A Pedreira e Israel Fernández con invitación. Pódese conseguir en ataquilla.com ou en taquilla na Praza de Ourense.
    • Cormelana / Sellier: Djs.
    • Zona centro rúa Torreiro: Pasacalles animando as rúas coruñesas.
    • Casa Museo Casares Quiroga: un espazo con encanto que acollerá dous actuacións sorprendentes de artistas chegados de Francia con motivo do Ano Internacional de María Casares.

Este ano tamén regresa ao Festival Noroeste Estrella Galicia o Mercado da Colleita, que estará situado no Campo da Leña durante os cinco días de festival e que contará coa presenza de distintos produtores que participan no proxecto así como con actividades de degustación e divulgación. O Mercado da Colleita é unha iniciativa de impacto social de Corporación Hijos de Rivera cuxo propósito é a transformación do rural nun medio máis próspero, sostible e saudable que xera benestar; a través da investigación, a concienciación e a divulgación de iniciativas inspiradoras que están a transformar o rural.

Como novidade, o festival conta tamén co Mercado de Discos do Noroeste, que nace co propósito de establecer no emblemático recinto do Mercado Municipal de San Agustín da Coruña un encontro de interés musical onde reunir a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos (vinilos, CD…) con acceso libre para todos os públicos durante os días 12, 13 e 14 de agosto

O público fiel a esta cita de verán, incluída nas festas da cidade, poderá gozar do  Festival Noroeste Estrella Galicia de forma gratuíta en todos os espazos adicados ao festival. Para os concertos celebrados no Castelo de San Antón, e por decisión artística, o acceso será levado a cabo mediante invitacións, as cales xa se poden conseguir desde o 8 de agosto ataquilla.com e en taquilla na Praza de Ourense. Os concertos que se celebrarán no Castelo de San Antón serán os de Valeria Castro, A Pedreira e Israel Fernández.