Reggae accesible na derradeira xornada do Noroeste Estrella Galicia da man de Bush Doctors grazas a ACOPROS

Campo da Leña era o primeiro escenario en pechar o Noroeste e non podía telo feito de mellor maneira.

Sentados nas cadeiras, un sentimento repentino de alegría naceu nos nosos peitos en canto se escoitaron as primeiras notas dos Bush Doctors.

Non podiamos evitar deixarnos levar pola enerxía que emanaba do escenario. Os nosos corpos movíanse case de maneira involuntaria, seguindo os ritmos relaxados da banda, abstraídos de toda realidade. Do mesmo xeito facía Moncho, que grazas á mochila vibratoria da asociación ACOPROS sentía no seu peito as vibracións de cada peza musical, unha experiencia da que podía gozar por primeira vez na historia do festival.

Soaba Time e para nós parecía non pasar o tempo. Bush Doctors tíñanos nun limbo do que non queriamos saír.

O reggae da banda parecía mesmo atraer os raios de sol, que comezaban a abrirse camiño entre as nubes para acompañar coa súa calidez os seus ritmos xamaicanos.

“Queredes máis reggae?!”, gritaban antes de pechar o concerto. “Si!”, respondía o público ata seis veces antes de que comezase a soar Respect.

“Foi unha sensación flipante”, decía Moncho saíndo do concerto. “Oxalá puiderades achegarvos e poñer a man na mochila para sentir as vibracións da música”. O resto de asistentes non tiñamos ese dispositivo que lle permitía escoitar aos Bush Doctors, pero a banda fíxonos vibrar igualmente coma a Moncho.

O público comezaba a vaciar o Campo da Leña baixo un ceo despexado que anunciaba unha tarde de música, bo tempo e diversión. O Noroeste Estrella Galicia 2021 comezara cun “Se chove, que chova” e remataba cun “Nunca choveu que non escampara”. Porque con paixón e música todo pode ir a mellor.

Bush Doctors, Campo da Leña, 8 de agosto

Aquí tedes a galería completa de fotos da xornada no escenario Campo da Leña: