O último día de Noroeste ten sabor a trap e reggaeton no Parque Europa con DL Blando e Ptazeta

Pura experimentación en directo. O Emotional Trap de DL Blando, chegaba ás 20:00h ao Parque Europa cargado de recordos, frustración e intensidade. 

DL Blando Escenario Parque Europa – 8 agosto

As súas letras recordan a un mundo común e compartido de dor traída do pasado, “sintiéndonos solitos, estando rodeaos”, pero que a súa vez nos fan gozar enormemente coa súa paixón e talento.

O público, algo xoven e non tanto, sentaba con moitas ganas de espectáculo, e dende logo non se sentiron defraudados. Deron conta do seu entusiasmo e conexión co xogo musical que estaba a acontecer no escenario, cantando cada canción e gritando á espera da seguinte, clamando “como lluvia” de maio. 

Houbo tempo tamén de traer algo máis movido, máis fresco, recén saído do forno electrónico da mesa de Wax Dee, baixo o nome de Sin Jugo. E o público volveuse a vir arriba, claramente atraído polo seu ritmo magnético.

DL Blando e Wax Dee Escenario Parque Europa – 8 agosto

Chegaba a última, e permitíulle aos asistentes escoller cal sería a favorita que pechase a noite, coa promesa de cantala a pleno pulmón todos xuntos. Con Déjame Morir despedíase nun primeiro momento, pero a xente non se ía quedar así, tiñan sede de máis DL Blando, que cedeu ante a chamada da selva, para marcarse un doblete de bis, se eso existe, pechando agora si o tremendo concerto con Crystal Tears.

Ptazeta entra pisando forte e pon a guinda a unha noite increíble

Ás 22:30h Ptazeta tomaba o relevo da noite, entrando como un tsunami, cunha forza que desde o Parque Europa, chegou coma mínimo ata algunha costa do mar de Reino Unido. Como mínimo.

Ptazeta Escenario Parque Europa – 8 agosto

Non só a súa música foi poderosa, as súas palabras tamén calaron ben fondo, tocando temas tan importantes como a saúde mental. Así, aproveitou o inicio do espectáculo para destacar o importante que é sacar todo para fóra, para poder estar ben por dentro, e así o fixo en cada centrímetro do escenario do Noroeste, deixando tras de si a súa imponente Huella.

“No sufran por nada, que la vida es muy corta para llorar”. E con ela subida ao escenario, é imposible sufrir e pasalo mal, entre o seu Trakatá e Mami, vivimos un show espectacular. 

Ptazeta e Juacko Escenario Parque Europa – 8 agosto

Cunha presencia brava de principio a fin, e acompañada polo Dj e produtor Juacko, fixo vibrar a un público totalmente entregado, que cantou, berrou, e “saltou” nos seus asentos cos ritmos sensuais e latinos da súa vibrante música.

E por se aínda non fose suficiente para pechar unha noite de outro mundo e outro espazo, fixo bis tras bis, arrancando de novo ata o centro do escenario para demostrar que A Coruña, tamén era a casa loca de Ptazeta.

Por aquí deixamos a galería de fotos completa da noite no Parque Europa: