O Festival Noroeste Estrella Galicia pecha unha 35ª edición histórica pola que pasaron máis de 187.000 persoas

  • O Festival Noroeste Estrella Galicia, pechou a súa 35ª edición onte, 14 de agosto, contando na súa quinta xornada con 9.000 asistentes.
  • Esta edición recuperou tamén a presenza do Mercado da Colleita, que estivo instalado durante as 5 xornadas do festival no Campo da Leña e que contou coa presenza dos produtores que participan neste proxecto de impacto social da Corporación Hijos de Rivera.
  • Os concertos con invitación previa de Valeria Castro, A Pedreira e Israel Fernández, que trasladou o seu concerto ao escenario de Santa Margarida polo interese despertado entre os asistentes, colgaron o cartel de entradas esgotadas grazas á gran acollida do público.
  • Na súa última xornada o festival contou coas actuacións de Miguel Costas, El Combo Batanga e Biznaga, entre outros, e tamén cos “pasacalles” da man de Brassica Rapa.
  • O Mercado de Discos do Noroeste abriu o pasado venres as súas portas con grande éxito de convocatoria, máis de 1.000 persoas pasaron polo Mercado Municipal de San Agustín na súa inauguración.

 

O Festival Noroeste Estrella Galicia pecha unha 35ª edición de impacto. A programación do festival contou desde o mércores 10 de agosto ata o domingo 14 de agosto con 51 concertos que encheron durante cinco días de estilos musicais diversos ata 10 enclaves diferentes repartidos pola cidade da Coruña. Unha edición histórica, pola que pasaron en total máis de 187.000 persoas.

Na súa última xornada, o público asistente, máis de 9.000 persoas, puido desfrutar das actuacións de artistas como Miguel Costas, que foi todo un éxito enriba do escenario do Campo da Leña, no que tamén actuou Biznaga, que gozaron dunha gran acollida neste recinto.

O público da Praza Azcárraga, puido asistir ás actuacións de Viruxe e El Combo Batanga, que sacudiu ao público cos seus ritmos latinos. Ademais, a música en movemento non faltou xunto a Brassica Rapa no seu “pasacalles”.

Nesta quinta e última xornada do festival, Cormelana Sellier acolleu a Teresa Ferreiro e á súa paixón pola investigación musical e polos rituais sociais en torno á música e a danza. O artista Israel Fernández deu finalmente o seu concerto no escenario de Santa Margarida, debido ao interés que levantou entre o público a presenza deste artista no cartel desta 35ª edición, que colgara o cartel de entradas esgotadas no Castelo de San Antón

Por último, outra das citas máis particulares foi a de nara is neus + Sasha Smirnova na Fundación Luis Seoane, que presentaban o seu traballo “Don’t You Recall”.

Con estas actuacións déronse por terminadas as xornadas musicais do Festival Noroeste Estrella Galicia neste 2022, polo que este ano pasaron artistas como Tanxugueiras, Zahara, Baiuca ou UB40, que sumados ao resto de bandas deron como resultado un cartel excelente para esta 35ª edición.

Co peche desta edición tamén despedimos ao Mercado de Discos do Noroeste, que abriu as súas portas o pasado venres con grande éxito de convocatoria. Máis de 1.000 persoas pasaron na súa inauguración polo Mercado de San Agustín, que contou nas súas instalacións con máis de 35.000 referencias musicais en diferentes formatos e estilos a disposición do público. Este proxecto naceu co propósito de establecer no emblemático recinto do Mercado Municipal de San Agustín da Coruña un encontro de interés musical onde reunir a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos (vinilos, CD…) con acceso libre para todos os públicos durante os días 12, 13 e 14 de agosto. O Mercado de Discos do Noroeste despediuse ata a próxima edición coa seguinte programación:

DOMINGO 14 

12:00h – 14:00h: Baile social con Loopy Hoppers (exterior)
12:00h – 13:00h: Presentación “Todo en nombre del Rock & Roll”

DJ SOUND SYSTEM

11:00h – 12:00h: Tino
13:00h – 15:00: Tino
15:00h – 18:00h: Yeka

Desde o comezo desta edición, púidose desfrutar do regreso ao Festival Noroeste Estrella Galicia do Mercado da Colleita, que estivo situado no Campo da Leña durante os cinco días de festival e que contou coa presenza de distintos produtores que participan no proxecto así como con actividades de degustación e divulgación. O Mercado da Colleita é unha iniciativa de impacto social de Corporación Hijos de Rivera cuxo propósito é a transformación do rural nun medio máis próspero, sostible e saudable que xera benestar; a través da investigación, a concienciación e a divulgación de iniciativas inspiradoras que están a transformar o rural.

Ademais, Estrella Galicia e WE Sustainability traballaron conxuntamente en concienciación medioambiental a través de diferentes accións como a cuantificación, separación e limpeza de residuos co obxectivo e reto de reducir a pegada de carbono e transformalos para que teñan unha segunda vida como mobiliario para eventos. Para isto, puxeron a disposición do festival un equipo de concienciación para darlle trazabilidade aos puntos de separación e recollida de residuos.