A edición XXXVII do Festival Noroeste Estrella Galicia chegou ao seu fin, deixando unha pegada inesquecible no panorama cultural galego. Este ano celebrouse ao longo de sete días, converténdose na edición máis extensa ata a data, e que logrou reunir a máis de 135.000 persoas, gozando dunha variada programación que combinou música e artes escénicas en puntos tan emblemáticos da cidade como Santa Margarida, Campo da Leña, praza de Azcárraga, Castelo de Santo Antón e a Praia de Riazor, así como praza de Vigo, do Humor, das Bárbaras, de Pontevedra e os Xardíns de Méndez Núñez como emprazamentos de ‘Noroestiño’ e ‘Contos do Noroeste’.
O peche do festival tivo lugar no Parque Santa Margarida, onde se viviu unha xornada adicada ás artes escénicas, unha das novidades máis destacadas e aplaudidas desta edición. Touriñan, Perdomo, Carlos Blanco e Lucía Vega foron os encargados de poñer o broche final ao festival cun espectáculo que esgotou todas as entradas o pasado martes e congregou a 1.500 persoas.
Sete días de programación sucedéronse ao longo da cidade da Coruña, que arrincaban o pasado luns Avelino González, Vero Rilo e Luis Iglesias en ‘Contos ao Noroeste’ e ‘Noroestiño’. A partir de aí, sucedéronse alternativamente e ao longo de 10 localizacións diferentes un total de 52 actuacións. Música, humor e espectáculos para os máis pequenos e pequenas conformaron un cartel que, como diciamos anteriormente, logrou reunir a máis de 135.000 persoas.
As voces femininas e o talento local seguen sendo os dous piares fundamentais sobre os que se sostén o Festival Noroeste Estrella Galicia. Fillas de Cassandra, Caamaño&Ameixeiras, Lura, Chambao, Tiburona, Repion, Triángulo de Amor Bizarro, Imägo, Travis Birds, Martha High, Leticia Rey, Lemot ou Trío da Kali foron proba diso. Puideron escoitarse músicas de estilos tan diferentes como o clásico, indie, garage, flamenco, bluegrass, soul, funk, new wave, bossa nova, e evidentemente, como non podería ser doutra maneira, o pop–rock, a esencia do Festival Noroeste Estrella Galicia.
A nivel internacional, nesta edición apostouse por achegar ao público coruñés a cultura musical africana, coa presenza de artistas da talla de BCUC (Sudáfrica) e que o pasado outubro recollían na Coruña o galardón a artista WOMEX23 (Worldwide Music Expo, o encontro musical máis internacional e diverso do mundo), “a voz de ouro de África”, ou o que é o mesmo, Salif Keïta. O de Mali é considerado un dos máximos expoñentes do continente africano non só polo seu legado musical, senón tamén polo seu fervente activismo a favor das presonas con albinismo. Tamén Lura, a de Mali, rendendo homenaxe á súa rica herdanza cultural cunha vibrante mestura de morna, funana e batuque; e Trío da Kali, que acompañados do cuarteto de corda ‘Harmonía de Galicia’, ofreceron no Castelo de Santo Antón un encontro entre a música tradicional dos griots do oeste de África e a música de cámara europea nunha proposta inédita ata a data.
Soul Teller, Crystal Fighters e Ife Ogunjobi, desde Reino Unido; a potente e desgarradora voz da diva do soul Martha High e as creacións do alemán Martin Kohlstedt completaron a nómina de artistas internacionais.
O éxito de asistencia e a calorosa acollida do público confirman a relevancia do Festival Noroeste Estrella Galicia como un referente cultural en Galicia. A combinación de música e artes escénicas demostrou ser unha fórmula exitosa que enriqueceu a oferta cultural e atraeu a un público diverso e multixeneracional.
A segunda semana de agosto seguirá estando marcada en vermello no calendario das e os amantes da música, a cultura e o gozar dunha cidade, A Coruña, que amosou un ano máis non ter fronteiras.