O Festival Noroeste Estrella Galicia pechou onte á noite o terceiro día da súa edición número 37, nunha xornada na que arrincou a música tras dous días protagonizados polas artes escénicas, que se incorporan cun gran éxito de convocatoria neste 2024 e por primeira vez na historia da popular cita estival na Coruña. Preto de 8.000 persoas desfrutaron dos 15 eventos nos 6 escenarios programados para o mércores.
O universo único de Travis Birds, que co seu magnetismo e inconfundible voz inaugurou o pasado mediodía o escenario dunha ateigada Praza de Azcárraga, deu paso a outras 3 grandes actuacións xa en horario de tarde e noite: Patax, coas súas complexas, explosivas e máxicas atmosferas que levan o concepto fusión ata un territorio completamente inexplorado; Ife Ogunjobi: do Madison Square Garden á Cidade Vella coruñesa con máis fusión: jazz, afrobeat ou hip-hop para dar paso á gran diva do soul: a americana Martha High, colaboradora e vocalista de James Brown durante máis de 30 anos que, acompañada dunha banda de luxo con músicos de bandas como Anaut, Speak Low ou The Silverback, puxo o broche de ouro coa súa voz inconfundiblemente resistente, grave e desgarrada. Nada mellor para pechar que con The best.
Campo da Leña, o espazo máis guitarreiro do Festival Noroeste Estrella Galicia, fixo honra ao seu nome coas propostas de Hormigonera, banda local conformada por músicos de recoñecidas bandas da escea rock coruñesa; Tiburona, ou o que é o mesmo: Laura, Rita e Supercarmen, un power trío sen xerarquías que celebrou que haxa espazos para as propostas locais en grandes festivais como o Noroeste Estrella Galicia; o rock contundente dos galegos Zënzar, con nada menos que 31 anos sobre os escenarios, e Meu, unha súper banda coruñesa integrada por membros de Deluxe, Elephant Band, Ultracuerpos e Triceratops que retornaron aos escenarios tras 14 anos de silencio. Como non podía ser doutra forma, fixérono ao grande e na casa.
O Castelo de Santo Antón acolleu dúas citas que, baixo reserva de convites, esgotaron localidades nun par de horas: Leticia Rey, que comezou a súa carreira aos 11 anos estudando teoría musical e piano, presentouse como Leticia Rey Quintet, e, como non, destacou o idílico que supón tocar nunha fortaleza do século XVI. A galega deu paso ao hipnótico Martin Kohlstedt: compositor, pianista e produtor cuxas cegadoras creacións ofrecen un achegamento contemporáneo á mestura de música clásica con estilos vangardistas. O artista xermano dixo estar absolutamente abraiado con poder tocar ‘nun lugar tan marabilloso como este arroupado por un precioso solpor’.
As propostas máis multiculturais da xornada e a fusión de sons africanos déronse cita no característico escenario de Santa Margarida. O folclore caboverdiano da cantante Lura inaugurou os concertos deste espazo, rendendo homenaxe á súa rica herdanza cultural cunha vibrante mestura de morna, funana e batuque. Logo foi a quenda do gran Salif Keita, coñecido como ‘a voz de ouro de África’, quen é considerado un dos máximos expoñentes do continente africano non só polo seu legado musical, senón tamén polo seu fervente activismo a favor das persoas con albinismo. O maliano cegou ao público coa súa poderosa voz e a súa tan persoal combinación única de ritmos tradicionais e afropop, entregándose totalmente para ofrecer unha gran festa ao público coruñés. Ambos os proxectos achegaron propostas ancestrais, que, nestes tempos de inmediatez, fixeron reflexionar ao público sobre a volta ás orixes.
Non podía faltar a participación do talento local, cos coruñeses Terrae, quenes ofreceron unha simbiose entre natureza e humanidade a través do baile co seu proxecto, centrado en recuperar a conexión coa raíz e que foron os encargados de despedir esta xornada.
O cuarto día do Festival Noroeste Estrella Galicia, con gran presenza de voces femininas e talento local, arrinca hoxe coas actuacións de Chambao, BCUC e Caamaño&Ameixeiras en Santa Margarida; Garufa Blue Devils Big Band, Virginia Red, Imägo e Soul Teller + The Soul & Love Band en Azcárraga; Trío da Kali e José Ignacio Lapido en Santo Antón; e Repion, Kamikaze Helmets, Zålomon Grass e Lemot no Campo da Leña. Pepo Suevos e Paco Nogueiras serán os protagonistas de ‘Contos ao Noroeste’ e ‘Noroestiño’ respectivamente.