O 34 Noroeste Estrella Galicia, un cartel con marcada presenza de artistas femininas

  • Zahara, Alice Wonder, Marlango, Triángulo de Amor Bizarro, Javiera Mena, Sound Sisters, Morgane JI, Bala, Ptazeta, Lina_Raül Refree e Bush Doctors, o talento feminino que conquistará os barrios de A Coruña. 
  • O 34 Noroeste Estrella Galicia celebrarase do 6 ao 8 de agosto en catro escenarios. Propón unha ampla oferta musical cun total de 25 concertos para todos os públicos.
  • Os concertos cumprirán con todas as medidas de seguridade necesarias. A entrada será gratuíta, pero deberá efectuarse unha reserva de localidade para poder acceder aos eventos. Poderá efectuarse desde o día 30 de xullo en www.festivalnoroesteestrellagalicia.com

A importante aposta pola cultura levada a cabo polo Concello de A Coruña no Festival Noroeste Estrella Galicia que se celebrará o próximo mes de agosto baséase, ante todo, na igualdade. E a pesar de que é algo que, en 2021, debería ser o habitual, resulta necesario destacalo porque aínda non sucede o suficiente nos festivais de todo o territorio nacional.

Zahara, Alice  Wonder,  Marlango, Triángulo de Amor Bizarro,  Javiera Mena,  Sound  Sisters,  Morgane JI, Bala, Ptazeta, Lina & Raül Refree e Bush Doctors son as formacións que, compostas na súa totalidade ou parcialmente por mulleres, formarán parte do festival. Así quixo destacalo Inés Rey, alcaldesa de A Coruña, na presentación do evento; un 44% de presenza feminina nun cartel que achega, ademais, “calidade e variedade de estilos para chegar a diferentes públicos”.

Estamos diante dun cartel con marcada presenza feminina encabezado por mulleres notablemente recoñecidas do ámbito nacional, autonómico e local. Desde o Concello de A Coruña inciden ademais na importancia e a necesidade de apoiar ás artistas nun momento como este, dando oportunidades a profesionais do sector musical, tan castigado nestes últimos meses pola situación sanitaria vixente.

O excepcional cartel presentado para este Festival Noroeste Estrella Galicia 2021, co que A Coruña espera poder quitarse a espiña da cancelación de última hora sufrida o pasado 2020 como consecuencia da pandemia, complétano Mujeres, Baiuca, Rulo y la Contrabanda,  Mad Martin Trío, Os Zigarros, The Soul Jacket, Bastards on Parade, Cimafunk,  DL Brando,  Combo Paradiso, Ataque Escampe, Tito Ramírez, Chasis e Víctor Coyote. Os concertos poderanse gozar nos escenarios de Parque Europa, Campo da Leña, Praza de María Pita -escenario Nonito Pereira- e no parque de Santa  Margarida -escenario Jaime Manso-.

Reserva de entradas en liña

A entrada a todos os eventos é gratuíta, aínda que é necesaria reserva previa. A mesma poderá efectuarse na web do festival www.festivalnoroesteestrellagalicia.com a partir do próximo 30 de xullo. O protocolo COVID establece que só poderá efectuarse unha reserva por persoa, e esta será nominativa. A situación sanitaria esixe un rigoroso control de capacidades dos espazos, e tras o rexistro na web xerarase un QR que a persoa asistente deberá mostrar á entrada.