María Pita vive a súa última noite con The Soul Jacket, Mujeres e Marlango

María Pita despediu o Festival Noroeste Estrella Galicia cunha xornada para non esquecer no escenario Nonito Pereira. The Soul Jacket arrincaron o domingo co seu sonido estadounidense e coas raíces celtas e latinas de gran proxeción que levan os de Vigo por bandeira. Mujeres fixo vibrar a María Pita como tan só eles saben facer e Marlango, unha vez máis, foi puro sentimento sobre o escenario.

The Soul Jacket, rock con espírito de aldea gala

Non digas rock sureño de calidade, mellor diga The Soul Jacket. Os de Vigo fixeron as ledicias dos presentes da sesión matinal no escenario Nonito Pereira.

Difícil concurso tiñan os galegos, encargados de pechar os concertos matinais en María Pita, pero o colofón non puido ser mellor. Adxuntando o mellor do seu novo traballo con temas míticos da banda, fixeron vibrar a unha praza que se entregou en corpo e alma aos artistas e o seu repertorio.

Moito ollo a The Soul Jacket porque non pasaron desapercibidos nesta edición do Noroeste Estrella Galicia.

The Soul Jacket, Praza de María Pita, domingo 8

Rock y amistad en María Pita da man de Mujeres, con homenaxe a Nonito Pereira incluída

“Caía a noite” sobre a Praza de María Pita, mentres as luces do solpor e do escenario creaban un xogo de sombras cos corpos animados do público.

“Otra vez estoy ahí, de vuelta en tu corazón”, cantaban Mujeres. A música volvía a enchernos de novo, e como o precisabamos.

O seu concerto non deixaba de sorprendernos, pero aínda tiñan un agasallo para unha persoa do público: o fillo de Nonito Pereira, o xornalista que dou nome ao escenario de María Pita durante todo o festival, atopábase entre nós. Un xesto brillante comezou a soar na súa honra.

Nonito Pereira, fillo do xornalista Nonito Pereira, no concerto de Mujeres en María Pita, domingo 8

Mujeres sabía como facer vibrar ao público. A súa forza, emoción e boa enerxía deixaban unha marea de mans alzadas e pés que marcaban o ritmo tema tras tema.

“¡Hagamos una fiesta histórica para este año glorioso, después de tanta pena y desarraigo!” Se eles o pedían, non podiamos negarnos. As cadeiras estaban xa a piques de romper!

Rock y Amistad era o que estabamos vivindo e Mujeres recordábanolo con forza e paixón, gravando nas nosas memorias un novo recordo, deses que lembras con agarimo e cun sorriso anos despois.

Mujeres, Praza de María Pita, domingo 8

A 34ª edición do Noroeste Estrella Galicia chega á súa fin coa íntima música de Marlango

Máxicos. Os primeiros acordes de Marlango penetraron na pel de cada unha das persoas que agardabamos con ansia o seu espectacular directo.

Leonor e Alejandro chegaban a María Pita dispostos a deleitarnos coas súas fermosas letras e melodías e nós non llo ibamos poñer difícil.

O sol agochárase case por completo e, nunha poética casualidade, unha bandada de gaivotas cruzou o ceo mentres na praza resoaba Lo que sueñas vuela.

Os temas propios e as versións sucedíanse, mesturando delicadeza e paixón de maneira indescriptible. O público, animado e emocionado, formaba parte das melodías de Leonor e Alejandro cantando e movéndose o que o protocolo permitía.

Canción tras canción, Leonor agasallábanos coa súa incomparable delicadeza. “Si me llevas contigo prometo ser ligera como la brisa”. Podía ser polo frío da noite ou porque, efectivamente, a voz de Leonor era coma unha fresca brisa para nós, pero o certo é que todos e todas tiñamos a pel de galiña escoitándoa. E non podiamos parar de facelo.

Os delicados e refinados acordes de Alejandro acompañábana, chegando a cada recuncho da praza, abrazando a todo aquel que se achegaba a ela.

A noite caera xa sobre María Pita. A xornada e o festival remataban, pero as voces dos e das artistas resoaban aínda nas rúas da Coruña e nos corazóns do público, agardando volver con forza na próxima edición do Festival Noroeste Estrella Galicia.

Marlango, Praza de María Pita, domingo 8

Aquí tedes a galería completa de fotos da xornada na Praza de María Pita, no escenario Nonito Pereira: