Mad Martin Trio prende o Campo da Leña mentres Sound Sisters fai soñar ao público na primeira xornada do Noroeste Estrella Galicia

O trío roqueiro e a banda sarriana abriron o primeiro día de concertos con moi bo ritmo e sobre todo ganas de armar unha boa festa.

Ás 13:00 horas, a voz de Martín Esturao comezaba a soar no Campo da Leña, abrindo non só a actuación dos Mad Martin Trio, senón tamén o primeiro día dunha gran fin de semana de Festival Noroeste Estrella Galicia.

Comezaron rompendo, coma sempre, ante un público totalmente entregado ao seu eléctrico e hipnótico directo. As solas dos zapatos parecía que gritaban, pedían que por favor as deixasen bailar ata desgastarse ao ritmo de cancións coma Caroline, Like a rocket ou Pizza.

Incluso a choiva se deixou caer por uns segundos sobre a plaza ardendo a ritmo de rock and roll, máis decidíu portarse ben e deseguida marchou para deixar que Miquelini, Lolo e Martín se levasen os aplausos máis que merecidos pola tremenda actuación desta mañá.

Nos últimos momentos, adicaron un emotivo tributo á memoria de Mauricio Aznar Müller, na súa época en Más Birras e non se sorprenderon cando o público invocou o “bis”, e voltaron ao escenario para tocar dúas últimas cancións ao máis puro estilo do rock clásico.

Mad Martin Trio, Campo da Leña, 6 de agosto

Era o turno de Sound Sisters, unha banda que, malia ser recentemente creada, logrou dominar o escenario co forte carácter dos seus ritmos, tinguidos de funky e hard rock.

Sound Sisters sorprendía en cada nota e manterse no asento facíasenos cada vez máis complicado.

As nosas voces acompañaban con paixón á de Nerea canción tras canción, mentres que os nosos corpos se deixaban levar -dende os asentos- polos acordes de Olalla, Brandan, Tomás e Morris.

Soaba Dream e xa estabamos noutro mundo. Sen palabras. “Soñar é gratis”, dicía Nerea, e a nós parecíanos estar no ceo. A súa forza e sentimento facía tremer o Campo da Leña.

“Nós soñamos con que remate a COVID” e, por un momento, nos nosos corazóns, así era.

Sound Sisters pechaba o Campo da Leña na primeira xornada do Festival Noroeste Estrella Galicia. A maxia da música lograba, unha vez máis, alonxarnos da realidade e transportarnos a fermosos recordos e soños futuros.

A primeira noite do Noroeste Estrella Galicia remataba, deixando nun estado de éxtase a todo aquel que tivo o pracer de perderse entre os seus acordes.

Sound Sisters, Campo da Leña, 6 de agosto

Aquí tedes a galería completa de fotos da xornada no Campo da Leña: