Los Zigarros e Triángulo de Amor Bizarro fan tremer a Praza de María Pita

As voces dos centos de persoas que agardaban por eles inundaron a Praza de María Pita en canto soaron as primeiras notas das súas guitarras. Chegaban Los Zigarros.

O rock and roll da banda valenciana facía tremer as cadeiras da praza e aínda non comezaran. Todos e todas sabiamos que viña algo bo.

Con Baila conmigo facían unha perigosa invitación. É de valorar o tremendo esforzo co que todos e cada un dos asistentes logramos manternos nos nosos asentos, aínda que os brazos e pernas de algún que outro parecesen ter por momentos vida propia. O público vibraba coa enerxía que emanaba do escenario.

O tan ansiado directo de Los Zigarros chegaba á súa fin e entre o público escoitábase “Outra, outra!”. Tras uns intensos minutos nos que parecía que tocaba erguerse das cadeiras, o grupo saiu a revolucionar novamente unha praza axitada e chea de enerxía.

E chegaba a súa última xoia: un álbum grabado durante as noites que estiveron no Circo Price de Madrid. ¿Qué demonios hago yo aquí?, preguntaban. “¡Si solo quiero estar junto a ti!” gritaba o público. Despois de tanto tempo agardando, non podía haber un mellor sitio no que estar!

Memorable? Máxico? Para repetir? Só podemos responder, A todo que si.

Los Zigarros, Praza de María Pita, 6 de agosto

Triángulo de Amor Bizarro retoma o Noroeste Estrella Galicia onde o deixou o ano pasado

Os últimos raios de sol, agochados tras o nubrado ceo destes días, comezaban xa a ocultarse cando as primeiras notas das guitarras de Triángulo de Amor Bizarro rompían o silencio da noite. A banda retomaba o Festival Noroeste Estrella Galicia no punto onde a COVID obrigou a deixalo o pasado ano. Un punto e seguido na súa música sobre o escenario Nonito Pereira de María Pita.

Isa admitía o nerviosismo e a ilusión que lle provocaba a Praza de María Pita, na que ten tan bos recordos, mentres se preparaba para deixarnos sen palabras coa súa doce e inconfundible voz.

Con intensidade e paixón, Triángulo enchía o escenario Nonito Pereira coas súas fortes letras, entoadas polas persoas que, coma Vigilantes del Espejo, se deixaban levar co seu tan esperado directo.

Triángulo pechaba a noite “curando os nosos corazóns” cun dos seus temas máis íntimos e fermosos, co que a voz de Isa penetraba ata os nosos adentros, deixándonos con ganas de “unha noite máis”.

E, efectivamente, aínda temos por diante dúas noites máis de música no Noroeste Estrella Galicia.

Triángulo de Amor Bizarro, Praza de María Pita, 6 de agosto

Aquí tedes a galería completa de fotos da primeira xornada no escenario Nonito Pereira – María Pita: