Estas son as medidas de seguridade sanitaria para gozar do mellor Noroeste Estrella Galicia

  • Como acontece no resto das citas programados no Concello da Coruña, os concertos do 34 Noroeste Estrella Galicia contan tamén cunha capacidade limitada, control de acceso con reserva previa e puntos de hixienización en cada evento.

Un ano máis, a situación sanitaria require dun protocolo de seguridade sanitaria que protexa ás persoas asistentes, artistas e aos profesionais que traballan na 34 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia 2021.

Nese sentido, volvemos incidir na necesaria responsabilidade persoal e individual dos diferentes colectivos implicados nesta cita musical, especificamente no público asistente. Todas e todos deberán seguir as instrucións do plan de seguridade.

Así será o protocolo COVID:

  • O primeiro a ter en conta é que se algunha persoa presenta algún síntoma da enfermidade non debe acudir ao concerto para o cal teña reservada a súa asistencia.
  • Os recintos contan cun dobre perímetro de seguridade.
  • As portas para cada espectáculo abriranse 1 hora antes do inicio do mesmo, polo que se pide ao público que non acuda antes dese momento para evitar reunións innecesarias de persoas.
  • As entradas son nominais polo que haberá que identificarse ao chegar ao recinto verificándose que coinciden os datos da invitación cos da persoa que se presenta para asistir ao espectáculo. É preciso ter as persoas identificadas por motivos de trazabilidade.
  • Deberase respectar en todo momento a distancia de seguridade nas filas, a sinalización que haberá na zona de control de acceso aos recintos, onde tamén estarán os puntos de xel hidroalcohólico.
  • Dentro de cada zona será obrigatorio o uso de máscara, e non se permitirá comer, beber ou fumar, e non está permitido introducir ao recinto comida ou bebida (salvo casos excepcionais como cativos ou persoas diabéticas). Tampouco haberá barras dentro.
  • Unha vez dentro do recinto un equipo de acomodación situará ao público nas localidades correspondentes e non se poderá abandonalo ata a finalización de cada evento, onde deberán quedar baleiros para ser hixienizados.
  • Os asentos estarán separados entre si 1,5 mts. para respectar a distancia física que marcan as autoridades sanitarias, salvo persoas que, xustificadamente precisen acompañante por cuestións como ter reducida a súa mobilidade ou responsables de menores que acudan en cadeira de paseo. Neste caso ocuparán un espazo reservado para ese efecto.