- Como pratos fortes Crystal Fighters, Vetusta Morla, Xoél López, The Rapants, Fillas de Cassandra e Triángulo de Amor Bizarro na praia de Riazor o venres 9 e o sábado 10 de agosto; Travis Birds e Martha High na praza de Azcárraga; Martin Kohlstedt no Castelo de Santo Antón e Salif Keïta, Chambao e Lura no Parque de Santa Margarida.
- Recupéranse espazos emblemáticos da cidade como a praza das Bárbaras, a praza do Humor, a praza de Pontevedra, a praza de Vigo ou os Xardíns de Méndez Núñez.
- ‘Ao compás do Noroeste’, o lema escollido este ano, onde adquire protagonismo o dobre sentido dun compás, obxecto presente no cartel, e o ritmo que marcará a música durante toda a semana na Coruña.
- Os escenarios nos que soará a música nesta edición serán a praia de Riazor, o parque de Santa Margarida, a praza de Azcárraga, o Castelo de Santo Antón e o Campo da Leña.
- Un total de 52 actividades, 9 bandas internacionais, 12 artistas femininas, 13 grupos galegos e 20 artistas escénicas daranse cita en 10 espazos diferentes da cidade.
- Esta edición tamén contará coa III edición do Mercado de Discos do Noroeste, entre o 9 e o 11 de agosto, na tenda de Nonito Pereira na rúa Real.
Volve o Festival Noroeste Estrela Galicia. Será o máis longo da súa historia, xa que contará con 50 actividades desde o luns 5 ata o domingo 11 de agosto. Como pratos fortes, Crystal Fighters, Vetusta Morla, Xoel López, The Rapants, Fillas de Cassandra e Triángulo de Amor Bizarro na praia de Riazor; Travis Birds e Martha High na praza de Azcárraga; Martin Kohlstedt no Castelo de Santo Antón e Salif Keïta, Chambao e Lura no parque de Santa Margarida. Completan o cartel BCUC, Caamaño&Ameixeiras, Garufa Blue Devils Big Band, Hormigonera, Ife Ogunjobi, Imägo, Kamikaze Helmets, Lapido, Lemot, Leticia Rey Quintet, Meu, Patax, Repion, Soul Teller, Terrae, Tiburona, Trío da Kali, Virginia Red, Zålomon Grass e Zënzar. Os concertos celebraranse de mércores a sábado no parque de Santa Margarita, Campo da Leña, praza de Azcárraga, Castelo de Santo Antón e a praia de Riazor. Todos os concertos serán de balde.
Este ano, e como principal novidade, de luns a domingo desenvolveranse actividades de artes escénicas, ‘Contos ao Noroeste’ e ‘Noroestiño’, para as que se recuperaron espazos emblemáticos da Coruña como a praza de Pontevedra, praza de Vigo, praza do Humor, a praza das Bárbaras ou os Xardíns de Méndez Núñez. ‘Contos do Noroeste’ serán espectáculos de humor conducidos por Avelino González, Roi da Costa, Bea Campos, Pepo Suevos, Atenea García, Leti da Taberna, Celso Sanmartín, Marita Martínez, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo, Carlos Blanco e Lucía Veiga. O ‘Noroestiño’, enfocado a público familiar, protagonizarano Vero Rilo, Luis Iglesias, Cé Orquestra, Paco Cerdeira, Paco Nogueiras, Os Monifates, Fran Amil e Magín Blanco.
A 37ª edición é unha clara aposta por facer accesible o programa a un amplo rango de idades, pero tamén polos valores, polo talento local e tamén polas voces femininas. Fillas de Cassandra, Caamaño&Ameixeiras, Lura, Chambao, Tiburona, Repion, Triángulo de Amor Bizarro, Imägo, Travis Birds, Martha High, Leticia Rey e Trío da Kali son o vivo exemplo diso.
A nivel internacional, destaca a presenza de BCUC (Sudáfrica), Lura (Cabo Verde), Salif Keïta (Mali), Soul Teller (Reino Unido), Ife Ogunjobi (Reino Unido), Martha High (Estados Unidos) e Trío da Kali (Mali). Poderán escoitarse músicas de estilos tan diferentes como o clásico, indie, garage, flamenco, bluegrass, soul, funk, new wave, bossa nova, e evidentemente, como non podería ser doutra maneira, o pop-rock, a esencia do Festival Noroeste Estrella Galicia.
O lema elixido para esta edición é ‘Ao compás do Noroeste’, nun claro dobre sentido entre o compás, desnortada ata que soa a música, e o ritmo ao que nos farán bailar os e as artistas durante os 32 concertos desta edición.
Por terceiro ano consecutivo, celebrarase o Mercado de Discos do Noroeste, cuxo obxectivo continúa sendo a de establecer un punto de encontro musical na Coruña musical onde se reúnan coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos (vinilos, CD…) con acceso libre para todos os públicos durante os días 11, 12 e 13 de agosto. Estará comandado un ano máis por Nonito Pereira e será precisamente na súa tenda da Rúa Real onde se celebre este encontro, que xa vai pola III edición. O venres de 17:00 a 20:00 horas; sábado e domingo de 11:00 a 20:00 horas.