Ataque Escampe e Chasis cumpren a promesa dun ceo despexado no Campo da Leña e fan vibrar ao público asistente coa súa música

Ataque Escampe din que producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, máis o que fixeron esta mañá as 13:00 horas no campo da leña soupo máis a unha boa ráfaga de aire ben fresco, acompañado dun veo soleado que cubríu e encheu o teito do Campo da Leña e nos deixou o tempo perfecto para desfrutar da xornada.

Eles mesmos estaban sorprendidos de que o ceo á fin escampara: “Non contábamos con este sol… É tempo de arder un pouco entón”. E así comezaba o show, eléctrico e brutal, con xiros de interpretación e de ritmos cambiantes, que tal e como che facían rozar o clímax, ao segundo seguinte baixaban os teus ánimos ata a profunda calma.

Actuación de Ataque Escampe
Actuación de Ataque Escampe

O público estaba alí por eles, ou eles estaban alí por e para o seu público, intercambiando historias entre canción e canción. Incluso lles puxeron deberes, por ser alumnos exemplares, para que entre palmas acompasadas e risas aprenderan o que era pasalo ben de verdade nas noites de agosto e por suposto, no Noroeste Estrella Galicia.

O cantante de Ataque Escampe

O remate non ía quedar nun simple recordo dunhas cancións de despedida. O campo “estaba fervendo” e comezou a virse arriba durante a festa malandrónica, chegando a invocar, nunha caótica performance, a unha pomba no ceo que cumpría favores que non se podían compartir e desexos que non se podían dedicar.

O sentido completo de toda esta historia, só o coñecen os que asistiron a esta curiosa e fascinante festa, e que doutro xeito tamén comezaron a perder por completo os seus sentidos para abandonarse a increíble experiencia canción tras canción.

Chasis subiu a temperatura na 2ª xornada do Noroeste Estrella Galicia

O que Chasis fixo hoxe no Campo da Leña foi de todo menos “o de sempre”. E é que a pesar de que empezaron a súa actuación, precisamente, coa canción “Los de siempre”, o grupo coruñés logrou meter ao público no peto en tan só uns poucos seguidores. Se a alguén aínda lle quedaban dúbidas de que desde as cadeiras se pode bailar, hoxe Chasis disipounas todas tema tras temas.

O público, durante a actuación de Chasis
O público, durante a actuación de Chasis

Nunha xornada na que o sol e a calor acompañaron en todo momento, a agrupación, made in A Coruña 100%, non fixo máis que subir a temperatura no Campo da Leña. No ambiente percibíase, á perfección, as ganas que a banda tiña de volver estar enriba dun escenario, algo que terminou contaxiando a todas as persoas asistentes. A mellor proba diso foi que a voz, o baixo, a guitarra e a batería estiveron acompañados, desde o arranque, polos movementos cómplices do público, que tanto batía as palmas como movía os pés.

O cantante de Chasis

O segundo tema, “Cansados de perder”, soubo manter alto o espírito e o ritmo daquelas persoas que levaban tempo agardando para volver gozar da música en directo. A banda tivo tempo para o novo, pero tamén rememorou os seus inicios ao tocar “Un buen final”. Paradoxicamente, este tema forma parte do seu primeiro lp, no que xa daban pistas do prometedor futuro musical que lles agardaba.

O vivido hoxe no Campo da Leña deixou ben claro que os coruñeses e coruñesas tiñan ganas de volver a sentir a ilusión, a maxia e as cóxegas que sentes coa música.

Aquí tendes a galería completa de fotos da segunda xornada do Festival Noroeste Estrella Galicia no Campo da Leña: