As artes escénicas, principal novidade desta edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, serán as encargadas de pechar esta triséximo séptima edición. Despregaranse ata tres propostas na cidade: ‘Contos ao Noroeste’ na praza de Vigo e no parque de Santa Margarida; e ‘Noroestiño’ nos Xardíns de Méndez Núñez.
Quéroche un conto de Marita Martínez abrirá a xornada de ‘Contos ao Noroeste’ ás 13:00 horas na praza de Vigo. Cunha ampla traxectoria na escena teatral, esta actriz e monologuista é unha das raíñas da improvisación en Galicia, participando en diversos espectáculos de Improscenía e fundando o dúo cómico Izquierdo Sisters. Tamén á mesma hora, e para público familiar, Magín Blanco e a banda das apertas nos Xardíns de Méndez Núñez. A Banda das Apertas é o formato musical de Magín Blanco acompañado polos músicos Jorge Juncal, Jerry Noia, Suso Lorenzo e a voz de María Faltri. Conta con anos de traxectoria musicando para o público infantil e familiar as aventuras de A nena e o grilo, descubrindo os seus segredos a través dun bo puñado de cancións coas que Magín Blanco foi creando toda unha comunidade de seareiros e seareiras.
O espectáculo de humor protagonizado por Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, Lucía Veiga e David Perdomo ás 20:00 horas no parque de Santa Margarida será o broche de ouro á programación da XXXVII edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, a máis extensa ata a data. Leva con todas as entradas vendidas desde o pasado martes.
Continuará tamén aberto o Mercado de Discos do Noroeste, co obxectivo de establecer un punto de encontro musical en A Coruña. Este evento reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluindo vinilos e CDs. Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LP’s, CDs, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas de algúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas. De 11:00 a 20:00 horas.