Apertura das reservas para o 34 Festival Noroeste Estrella Galicia

  • As localidades poderán reservarse a partir do 30 de xullo, ás 10.00 horas na web www.festivalnoroesteestrellagalicia.com.
  • As entradas serán nominativas, e será necesario realizar unha reserva independente para cada un dos 25 concertos.
  • O festival, que se celebrará do 6 ao 8 de agosto en catro escenarios da Coruña, contará cun estrito protocolo de seguridade dada a situación sanitaria vixente.

Desde o próximo 6 de agosto, A Coruña volverá vibrar co Festival Noroeste Estrella Galicia. O Concello de A Coruña propón, nesta edición, tres días de concertos en catro escenarios nos que se poderá gozar de ata 25 actuacións diferentes, todas elas desenvolvidas por destacados artistas nacionais, autonómicos, e locais.

Un cartel que completan Zahara, Alice Wonder, Mujeres, Triángulo de Amor Bizarro, Baiuca, Javiera Mena, Rulo y la Contrabanda, Marlango, Mad Martin Trío, Los Zigarros, The Soul Jacket, Bastards on Parade, Cimafunk, DL Blando, Morgane JI, Sound Sisters, Lina & Raül Refree, Combo Paradiso, Bush Doctors, Bala, Ptazeta, Ataque Escampe, Tito Ramírez, Chasis e Víctor Coyote. De todos eles poderase gozar en catro escenarios, emprazados en Parque Europa, Campo da Leña, Praza de María Pita -escenario Nonito Pereira- e no parque de Santa  Margarida -escenario Jaime Manso-.

A entrada aos concertos será gratuíta, pero será necesaria reserva

A situación sanitaria vixente require extremar as medidas de seguridade, e desde o Concello de A Coruña desenvolveuse un esixente protocolo Covid19 para garantila. A reserva de localidades poderá realizarse a partir do 30 de xullo ás 10.00 horas na web do festival, www.festivalnoroesteestrellagalicia.com.

O protocolo COVID establece que estas serán nominativas e individuais como medida para garantir a seguridade, controlando aforos e identificando o público; é por iso que cada unha das persoas asistentes poderá efectuar tan só a súa propia solicitude. Unha vez recibida a confirmación da reserva, xerarase un código QR persoal que os asistentes terán que presentar á entrada dos concertos -pode presentarse impreso ou no teléfono móbil, aínda que a organización pretende fomentar a ausencia de papel-.

A apertura de portas levarase a cabo media hora antes do comezo de cada un dos concertos, e o equipo de acomodación do evento sentará ás persoas asistentes por estrita orde de chegada. Manterase a orde e as distancias nas colas que poidan formarse antes das actuacións, e será necesario o uso de xel hidroalcohólico á entrada ao recinto.

O perímetro de seguridade será dobre; por unha banda, todo estará sinalizado, e por outra, establece ademais unha distancia de metro e medio entre as localidades, prohibindo que o público aproxime as cadeiras; fóra daquelas persoas que precisen estar acompañadas por un motivo xustificado como a mobilidade reducida -haberá espazo reservado para elas-.

Será obrigatorio o uso, en todo momento, da máscara. Non estará permitido acceder aos recintos con comida e/ou bebida do exterior. Ao final do espectáculo deberase prestar atención ás indicacións do equipo de acomodación para evacuar o recinto de maneira ordenada.