A ‘Historia gráfica do Noroeste’ Estrella Galicia recorre A Coruña

  • Diferentes puntos da cidade herculina acollen desde hoxe a exposición Historia gráfica do Noroeste, unha restrospectiva gráfica do festival a través de nove estructuras independentes repartidas pola cidade.
  • Unha proposta expositiva que contou para a súa apertura cos comisarios, Nonito Pereira Rey e Rubén Ventureira, e o concelleiro de Festas e Turismo do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego.

Historia gráfica do Noroeste é un proxecto expositivo que recrea imaxes do xa consolidado Noroeste Estrella Galicia en nove estructuras independentes repartidas pola cidade da Coruña. 

Na mostra preséntanse máis de medio cento de fotografías correspondentes a 22 ediciones do Festival Noroeste Estrella Galicia. A Praia de Riazor, a Praza de Lugo, a Avenida da Marina, o Campo da Leña ou a fonte dos surfistas, son, entre outros, os espazos que acollerán esas imaxes a gran tamaño que rememoran instantes inesquecibles dun festival que forma parte da historia viva da cidade.

Mapa estruturas Historia Gráfica do Festival Noroeste Estrella Galicia

Preténdese, por unha banda, poñer ao alcance do público o ámbito de traballo de Nonito Pereira, este crítico que bautizou o certame e quen lle deu o espírito que aínda hoxe mantén, e por outro, recuperar emocións. O Festival Noroeste Estrella Galicia reformulouse nesta 34 edición como unha volta ás súas raíces máis vencelladas á música local e galega, pero pola cita teñen pasado tamén grandes nomes internacionais. Ambos conviven nesta exposición na que terán sitio desde a mítica banda coruñesa Cacahüé ata Patti Smith.

Nonito Pereira Rey, fillo de Nonito Pereira Revuelta, xunto a Rubén Ventureira comisario desta exposición, destacou “O que queremos facer vén sendo algo máis que unha exposición, porque certo é que podemos ollar todas as diferentes etapas do festival pero tamén é certo que ten un significado maior, é un aplauso para os artistas e os técnicos que nestes tempos complicados necesitan o noso apoio, pero tamén é un exercicio de memoria colectiva da cidadanía coruñesa”, namentres que David Carballal, o deseñador gráfico sinalou “O mérito gráfico son as fotografías que recompilaron Nonito e Rubén, e o meu traballo foi adaptarme á imaxe gráfica do Noroeste”.

Presentación exposición Historia do Noroeste

Pola súa parte Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Festas e Turismo do Concello da Coruña, apuntou: “Lembranzas do Noroeste temos todos, e poder disfrutar agora con esa perspectiva da historia do Noroeste pode servirnos como punto de partida para seguir avanzando, como neste caso, adaptamos o festival case o que eran os comezos do festival”.

Eses nove obxectos orixinais recrean fielmente desde aquela primeira edición ata a actual, a nómina de artistas tan ampla como ecléctica que pasaron pola cidade: desde The Cure ata Rosalía; desde Destellos de Pasión, a Patti Smith. As súas dimensións cambiaron: desde un único recinto e unha única xornada ata os seis días de festival e os trece escenarios diferentes da edición do 2019. Tamén mudou o seu nome: desde 2016 é Festival Noroeste Estrella Galicia.

Asociación Musical Nonito Pereira promove esta proposta expositiva de carácter gráfico que patrocina Estrella Galicia e organiza o Concello da Coruña. Agradecementos: Xose Castro, Víctor Echave, Manuel Ferreiro, Sandra G. Rey, Carmen Merelas, Xose Manuel Pereiro, Andy Pérez, Pedro Puig, Chema Ríos, Pablo Rivas, Quintana, El Ideal Gallego, La Opinión de A Coruña, Mondo Sonoro.