A cuarta xornada do Festival Noroeste Estrella Galicia congrega a 55.000 persoas que gozaron dos concertos de UB40, Baiuca e Bia Ferreira, entre outros.

  • A cidade da Coruña, volcada co regreso do Festival Noroeste Estrella Galicia, contou na súa cuarta xornada con 55.000 asistentes.
  • Esta edición recupera tamén a presenza do Mercado da Colleita, que está instalado durante as 5 xornadas do festival no Campo da Leña e que conta coa presenza dos produtores que participan neste proxecto de impacto social da Corporación Hijos de Rivera.
  • Os concertos con invitación previa de Valeria Castro, A Pedreira e Israel Fernández  colgaron o cartel de entradas esgotadas grazas á gran acollida do público.
  • Na súa última xornada o festival contará coas actuacións de Miguel Costas, El Combo Batanga e Israel Fernández, entre outros, e tamén cos “pasacalles” da man de Brassica Rapa.
  • O Mercado de Discos do Noroeste abriu o pasado venres as súas portas con grande éxito de convocatoria, máis de 1.000 persoas pasaron polo Mercado Municipal de San Agustín. Consulta a programación completa na web do festival.

 

O Festival Noroeste Estrella Galicia pecha unha cuarta xornada de impacto. A programación do festival continuará ata o domingo 14 de agosto e contará con 51 concertos que encherán durante cinco días de estilos musicais diversos ata 10 enclaves diferentes repartidos pola cidade da Coruña.

Na súa cuarta xornada, o público asistente, máis de 55.000 persoas, puido desfrutar das actuacións de artistas como UB40, que foi todo un éxito enriba do escenario da Praia de Riazor, no que tamén actuaron Baiuca e Helena Egea, que gozaron dunha gran acollida neste recinto.

O público do Campo da Leña, puido asistir ás dinámicas actuacións de Aqeelion e Bia Ferreira, que sacudiu ao público coas súas composicións e a súa música activista. Ademais, a música en movemento non faltou xunto a Ladinamo no seu “pasacalles”.

Nesta cuarta xornada do festival, Cormelana Sellier acolleu a Judah e ao seu estilo R&B avanzado, grime e bass music contemporáneo. Nunha cita máis íntima, Antonio Placer reuniu aos asistentes na Casa Museo Casares Quiroga. O poeta e cantante galego, residente en Francia, aposta por unir o flamenco co jazz e a canción francesa.

Outra das citas máis particulares foi a de CRNDS + Inma Veiga Live Av e Músculo! na Fundación Luis Seoane, e entre a natureza da Praza Azcárraga o público puido desfrutar das aclamadas actuacións de Néstor Pardo e Eve Cornelious.

Na programación do último día, domingo 14 de agosto, desfrutaremos no Campo da Leña xunto a Miguel Costas e Biznaga, mentres que na Praza Azcárraga gozaremos da actuación de Viruxe e os ritmos latinos de El Combo Batanga.

Cormelana Sellier saltará ao son de Teresa Ferreiro e o “pasacalles” correrá á conta de Brassica Rapa.

Por último, na Fundación Luis Seoane actuarán nara is neus + Shasha Smirnova, e no Castelo de San Antón o público gozará dos ritmos de Israel Fernández, que colgou o cartel de entradas esgotadas. 

Xa se pode visitar o Mercado de Discos do Noroeste, que abriu as súas portas o pasado venres con grande éxito de convocatoria. Máis de 1.000 persoas pasaron polo Mercado de San Agustín, que conta nas súas instalacións con máis de 35.000 referencias musicais en diferentes formatos e estilos a disposición do público. Este proxecto nace co propósito de establecer no emblemático recinto do Mercado Municipal de San Agustín da Coruña un encontro de interés musical onde reunir a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos (vinilos, CD…) con acceso libre para todos os públicos durante os días 12, 13 e 14 de agosto. Como se mencionaba anteriormente, o mercado continúa hoxe 14 de agosto coa seguinte programación: 

DOMINGO 14 

12:00h – 14:00h: Baile social con Loopy Hoppers (exterior)
12:00h – 13:00h: Presentación “Todo en nombre del Rock & Roll”

DJ SOUND SYSTEM

11:00h – 12:00h: Tino
13:00h – 15:00: Tino
15:00h – 18:00h: Yeka

Desde o comezo desta edición, pódese desfrutar do regreso ao Festival Noroeste Estrella Galicia do Mercado da Colleita, que está situado no Campo da Leña durante os cinco días de festival e que conta coa presenza de distintos produtores que participan no proxecto así como con actividades de degustación e divulgación. O Mercado da Colleita é unha iniciativa de impacto social de Corporación Hijos de Rivera cuxo propósito é a transformación do rural nun medio máis próspero, sostible e saudable que xera benestar; a través da investigación, a concienciación e a divulgación de iniciativas inspiradoras que están a transformar o rural.

Ademais, Estrella Galicia e WE Sustainability traballarán conxuntamente en concienciación medioambiental a través de diferentes accións como a cuantificación, separación e limpeza de residuos co obxectivo e reto de reducir a pegada de carbono e transformalos para que teñan unha segunda vida como mobiliario para eventos. Para isto, porán a disposición do festival un equipo de concienciación para darlle trazabilidade aos puntos de separación e recollida de residuos.