Roi da Costa na praza do Humor, e Cé Orquestra Pantasma, nos Xardíns de Méndez Núñez, fixeron desfrutar ao público nesta segunda xornada do XXXVII Festival Noroeste Estrella Galicia. A chuvia non supuxo un impedimento para que ambas localizacións estivesen ateigadas de familias nestes espectáculos que comezaban ás 19:00 horas da tarde.
A miña vida sendo outro, de Roi da Costa, un espectáculo de imitación, interacción co publico e improvisación. Algunha vez quixestes saber como é o dia a dia na vida dun imitador? Seguro que non, pero da Costa emperrouse en facérnolo saber. Un monólogo que encheu de gargalladas a praza do Humor.
Apoiándose na recuperación da figura do ‘home orquestra’’, Cé Orquestra Pantasma convértese na fórmula perfecta para escapar do mundo por uns intres, deixándose levar, entregándose por completo á festa. Porque iso é o que son os seus espectáculos: unha gran festa chea de forza, ritmo e fantasía, onde o público deixa de ser público para se converter en protagonista. As posibilidades que ofrece Cé Orquestra Pantasma abranguen calquera celebración.
A súa especialidade, a animación musical e as actuacións de rúa, adáptase a calquera tipo de festas, romarías ou feiras de época. As súas actuacións tamén son aptas para os espazos pechados e pode participar en todo tipo de iniciativas, desde recitais poéticos até en celebracións e bailes para a xente maior.
Fin a unha segunda xornada que serviu de anticipo a todo o que nos deparará o mércores, día no que comezan os concertos. Soará a música no Castelo de Santo Antón, a praza de Azcárraga, o Campo da Leña e o parque de Santa Margarida. Tamén haberá ‘Contos ao Noroeste’ na praza das Bárbaras e ‘Noroestiño’ nos Xardíns de Méndez Núñez.